A asociación de xubilados de Boiro volveu a alzar a voz para esixir a construción dunha residencia pública no municipio, unha demanda que consideran “vital” e pola que levan loitando máis de dúas décadas. O colectivo lamenta que, ao longo deste tempo, ningún dos sucesivos gobernos municipais dera pasos efectivos para facer realidade esta infraestrutura.

Nesta ocasión, os xubilados protagonizaron unha protesta simbólica nos terreos municipais da zona de Barraña, onde estaba previsto levantar a residencia. Alí despregaron unha pancarta coa que quixeron visibilizar unha reivindicación que, segundo lembran, continúa sen resposta malia os anos de insistencia.
Manuel Velo, representante da asociación, mostrouse especialmente crítico co actual executivo local, ao que acusa de ignorar un acordo plenario aprobado hai cinco anos. Aquel documento comprometía ao Concello a poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para iniciar o proxecto, un trámite que, segundo denuncian, segue sen materializarse.
O colectivo censura tamén que o goberno municipal destine preto de cinco millóns de euros á reforma da Casa da Cultura da Cachada, en lugar de priorizar a creación da residencia. Consideran que estes fondos deberían orientarse a cubrir unha necesidade social urxente para a poboación maior do municipio.
Os xubilados avanzan que continuarán coas mobilizacións ata que a residencia pública de Boiro deixe de ser unha promesa incumprida e se converta nun compromiso real.



