Os Premios de Arquitectura Cuberta Tejas Verea distinguiron proxectos de Carnota (os Refuxos de Quilmas) e de Outes (Spasinho)

03 Decembro 2025

Ese mércores 3 de decembro entregáronse en Sobrado dos Monxes os galardóns da II edición dos Premios de Arquitectura Cuberta Tejas Verea, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e Tejas Verea.

Os galardóns recoñeceron catro proxectos pola súa calidade técnica, integración na contorna e uso innovador da tella cerámica, nunha edición que duplicou o número de candidaturas respecto á primeira convocatoria.

O certame dirixiuse a profesionais de arquitectura co obxectivo de distinguir proxectos de cuberta inclinada con tella cerámica Verea finalizados entre 2021 e 2024.

O director comercial de Tejas Verea, Manuel Verea, destacou a variedade e calidade dos proxectos recibidos, “que apostaron pola tella cerámica como aliada da sustentabilidade, a conservación histórica e a calidade construtiva”.

Na categoría Gama Eternal o proxecto premiado foron os Refuxos de Porto Quilmas en Carnota (A Coruña), obra dos arquitectos Francisco Xabier Liñares e Alfonso Salgado Suárez, de Salgado e Liñares Arquitectos.

Na categoría Gama Clásica o xurado declarou o premio ex aequo, outorgándoo a dous proxectos que compartiron o galardón: Villa Carolina en Cariño, (A Coruña), do arquitecto Jorge Juan Cao, e a rehabilitación da cuberta da Catedral de Ciudad Rodrigo (Salamanca), deseñada por Emilio Sánchez Gil, Fernando Sánchez Cuadrado e Emilio Sánchez Cuadrado do estudo Sánchez Gil Arquitectos.

Os premiados recibiron de mans do decano do COAG, Luciano González Alfaya e do equipo de Tejas Verea, premios por valor de 3.000 euros na categoría de Gama Eternal, 1.500 euros para cada premiado da Gama Clásica e unha mención no caso da categoría de novos usos das tellas. Recibiron tamén unha figura conmemorativa que lembra as orixes do oficio da elaboración das tellas, un cabaqueiro ou telleiro tradicional galego.

Na entrega de premios, que tivo lugar na Casa Rural Abeiro da Loba de Sobrado, participaron María Encarnación Rivas Díaz, directora xeral de Urbanismo e José Luis Gil Pita, vogal da xunta de goberno do COAG e membro do xurado. Ao finalizar a entrega de premios, celebrouse un house circuíto dirixido por Luciano González e Miguel Estévez, arquitectos responsábeis da rehabilitación de Abeiro da Loba.

CATEGORÍA GAMA ETERNAL

Arquitecturas que miran o horizonte: os Refuxos de Porto Quilmas

Conxunto de 7 cabanas ou refuxos situados no porto natural de Quilmas (Carnota, A Coruña), obra de Salgado e Liñares Arquitectos e fraguado como un eco das primeiras casetas tradicionais de pescadores, vellos refuxios de cuberta a dúas augas, que agora se elevan para mirar o horizonte.

O xurado valorou o alto nivel de calidade da cuberta, na que se empregaron todas as pezas especiais que a tella Marsella da Gama Eternal ofrece.

CATEGORÍA GAMA CLÁSICA

Unha vivenda integrada na paisaxe rural de Cariño: Villa Carolina

Vivenda deseñada polo arquitecto Jorge Juan Cao Abad como vila de recreo integrada no rural e situada en Cariño (A Coruña), nun promontorio aberto á ría de Ortigueira.

A cuberta deseñouse como a quinta fachada da casa, a principal desde a estrada. Para resolvela utilizouse unha cuberta a dúas augas de tella curva que a integra con edificacións veciñas, fundíndoa tanto coa contorna construída como co medio natural próximo.

O xurado valorou a coidada execución da cuberta, instalada segundo o Verea System e a integración do proxecto na contorna.

Unha complexa rehabilitación de cubertas históricas: Catedral de Ciudad Rodrigo

O proxecto de rehabilitación das cubertas da sancristía da Catedral de Ciudad Rodrigo (Salamanca), con gran complexidade histórica e construtiva, foi deseñado por Emilio Sánchez Gil, Fernando Sánchez Cuadrado e Emilio Sánchez Cuadrado, de Sánchez Gil Arquitectos.

A intervención asegurou a estabilidade e impermeabilidade da cuberta e a posta en valor do conxunto, de maneira que permite a visita turística para redescubrir a riqueza histórica do edificio.

MENCIÓN NOVOS USOS DAS TELLAS CERÁMICAS

Innovación con identidade: Sinalización do centro de hidroterapia Spaşinho

Spaşinho é un centro de hidroterapia situado na desembocadura do río Tambre, en Outes (A Coruña). Conta cun circuíto termal distribuído en diferentes inmóbeis e espazos conectados mediante un itinerario predeterminado.

Para a sinalización exterior do complexo e as diferentes estacións do circuíto termal, os deseñadores Ricardo Tubío e Xabier Rilo, de Cenlitros Sociedade Cooperativa Galega, deseñaron como soporte de información a tella plana da Gama Eternal de Verea, incorporada cunha fixación mecánica sen necesidade do uso de adhesivos. Os deseñadores apostaron pola cerámica como solución atemporal que convive desde tempos inmemoriais entre pedra ou a madeira e historicamente vinculada á auga.

Outros artigos

A marca Dior contrata á deseñadora boirense María Alborés

Un dos deseños de María Alborés Mesturar o luxo da marca Dior co arrecendo a mar de calquera porto de Boiro é xa unha realidade. E detrás desa confluencia case imposíbel convertida agora en realidade atopamos a unha moza galega de 28 anos que se chama María Alborés...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.