A Xunta apoia a renovación do viario entre Codesido e Sabaxáns cun investimento de máis de 50.000 euros
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Rois, Roberto Rey, e de Brión, Pablo Lago, visitou as obras de mellora executadas no viario que conecta Codesido con Sabaxáns, unha actuación realizada co apoio do Goberno galego a través da orde de axudas de Infraestruturas de uso público, cunha subvención conxunta concedida a ambos concellos.
Durante a visita, a representante autonómica explicou que a Xunta de Galicia destinou máis de 50.000 euros á renovación desta vía, promovida polos municipios de Rois e Brión como unha actuación prioritaria para mellorar o pavimento, a accesibilidade e a seguridade nun tramo de intenso tránsito peonil e rodado.

O vial no que se interveu corresponde ao camiño de acceso á aldea de Codesido, na parroquia de Ribasar, preto do límite entre ambos concellos. Trátase dunha vía de comunicación estratéxica e moi frecuentada pola veciñanza, que cobra unha especial relevancia durante os episodios de fortes choivas, cando as inundacións do río Sar poden afectar á ponte de saída do lugar e deixar incomunicada a localidade. Nesas circunstancias, esta estrada convértese na única vía de acceso e saída, polo que resulta fundamental garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e mobilidade.
As actuacións realizadas incluíron a limpeza, formación e perfilado de cunetas, o acondicionamento das marxes do vial, a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para asegurar un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación da sinalización viaria necesaria.
Grazas a este proxecto mellorouse o estado do pavimento e a accesibilidade, incrementouse a seguridade viaria, facilitouse o tránsito rodado e reforzáronse as comunicacións intermunicipais, contribuíndo á mellora das infraestruturas básicas e da calidade de vida da poboación das áreas rurais. Ademais, a presentación conxunta do proxecto por parte dos concellos de Rois e Brión permitiu un aforro estimado de entre o 5% e o 10% nos custos da actuación, grazas á optimización de recursos e ao traslado único da maquinaria.
Na provincia da Coruña, un total de 31 concellos resultaron beneficiarios desta liña de axudas, cun investimento global superior ao millón de euros.
Orde de axudas de Infraestruturas 2025
Estas subvencións, cun orzamento total de 3,5 millóns de euros en Galicia, enmárcanse no compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menos de 30.000 habitantes. Na provincia da Coruña permitiron financiar 28 actuacións por un importe de máis de 1 millón de euros.
As axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, poden cubrir ata o 80% do gasto destinado á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Entre as actuacións subvencionables inclúense melloras nas redes de alumeado público, pavimentación de camiños municipais, obras en prazas, parques, paseos e rúas, así como a creación ou rehabilitación de edificios municipais, a mellora da súa accesibilidade e a dotación de equipamentos para a prestación de servizos á cidadanía.



