Unha xornada técnica dos GALP reuniu en Noia ao sector pesqueiro galego para impulsar un modelo común de turismo mariñeiro 

14 Decembro 2025

O Casino de Noia acolleu este sábado 13 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos que reuniu profesionais do mar, representantes das administracións e entidades relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro para analizar os retos e oportunidades do turismo mariñeiro en Galicia.

A xornada, integrada no proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, tivo como obxectivo reforzar un espazo de coordinación e diálogo que permita avanzar cara a un modelo galego consolidado de pesca turismo e turismo mariñeiro, ámbitos que se están a revelar como unha ferramenta estratéxica para a diversificación económica das vilas costeiras.

O acto inaugural contou coa intervención de Ángeles Vázquez Suárez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; da Presidenta do GALP Ría de Pontevedra, Mª Carmen Vázquez Nores; e do Presidente do GALP Costa Sostible, Mariano Lago Louro, quen destacaron a importancia de fortalecer un marco estable de cooperación para garantir o desenvolvemento profesional deste tipo de iniciativas.

Análise técnica e visión institucional
Ao longo do día abordáronse cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas vixentes, os sistemas de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados ou o papel da cooperación entre profesionais, confrarías e administracións no impulso deste tipo de iniciativas.

O primeiro relatorio estivo a cargo de Iván Meléndez Menela, director de Competitividade de Turismo de Galicia, que debullou o potencial do turismo mariñeiro como oportunidade para diversificar a economía costeira. A continuación, Diego Novoa Fernández, subdirector de Desenvolvemento Pesqueiro, presentou a situación actual destas actividades en Galicia, así como salientou a capacidade de financiamento de proxectos de turismo mariñeiro polos GALPs achegando diversos exemplos.

Abordouse o papel das Capitanías Marítimas na pesca turismo, nunha mesa na que participaron Juan Andrés Pérez Pérez, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e Domingo Pose, Coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía da Coruña. Ambos explicaron os requisitos técnicos e os procedementos necesarios para garantir a seguridade das actividades a bordo.

As necesidades do sector mariñeiro
A visión do sector quedou recollida nun debate no que participaron Daniel Formoso Moledo, presidente da Federación de Confrarías da Coruña; José Antonio Pérez Siera, presidente da Federación Galega de Confrarías; e Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa. Expuxeron as principais necesidades das confrarías, así como as expectativas e dificultades ás que se enfrontan as persoas profesionais que buscan poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.

Manuel Veloso, do Clúster Turismo de Galicia, abordou as estratexias máis efectivas para a promoción e comercialización destas experiencias, facendo fincapé na importancia de construír produtos diferenciados, sostibles e coordinados co territorio.

Experiencias xa consolidadas na costa galega
A sesión da tarde centrouse na presentación de proxectos que xa están en funcionamento. No ámbito da pesca turismo interviñeron Sauro Martínez Durán, promotor de Marinero por un día, e Severino Casal Diz, responsábel de Pescaturismo Novo Migueliño, quen compartiron a súa experiencia práctica e os retos asociados á actividade diaria a bordo.

No bloque dedicado ao turismo mariñeiro participaron Ana Sotelino (Amarturmar), Rosa Mª Millán Romero, Moncha López Castro e Maje Santamaría Maneiro, todas elas integrantes de Turismo Mariñeiro Mar da Pobra. As súas intervencións permitiron coñecer modelos de actividade consolidados e identificar boas prácticas aplicábeis ao conxunto da costa galega.

Un proxecto para reforzar capacidades e abrir novas oportunidades
A xornada técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, coordinado polo GALP Ría de Pontevedra e desenvolvido polos oito GALP galegos coa finalidade de promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas iniciativas de turismo mariñeiro ao longo da costa. A iniciativa dá continuidade ao modelo posto en marcha con Mar das Illas, que contribuíu á formación de máis de 250 profesionais e ao nacemento de proxectos pioneiros neste ámbito.

O proxecto está co-financiado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.