
Na mañá deste venres 19 de decembro o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, acudía ao Concello da Pobra do Caramiñal xunto ao coronel xefe da Comandancia Provincial da Coruña da Garda Civil, Fernando Pedreira, e o alcalde da localidade, José Carlos Vidal, con motivo da recente autorización para a conversión do posto auxiliar da Garda Civil nun posto ordinario.
No encontro Abalde puxo subliñou a importancia deste feito adoptado pola Dirección Xeral da Garda Civil, polo que se resolve a transformación do Posto Auxiliar da Pobra do Caramiñal en Posto Ordinario. “A conversión do posto auxiliar en posto ordinario supón un claro beneficio para a cidadanía, ao permitir ofrecer un servizo da Garda Civil máis próximo, estábel e eficaz, cunha maior presenza no territorio e unha mellor atención ás necesidades da veciñanza”, indicou o subdelegado.
Cómpre sinalar que esta disposición, que será efectiva a partir de xaneiro, permitirá incrementar de maneira progresiva a dotación de persoal até acadar os 12 gardas civís, fronte aos tres actuais, cun sarxento/sarxento 1º como Comandante de Posto; un cabo 1º/cabo como segundo Comandante de Posto e 10 Gardas Civís.
A cobertura destes postos realizarase de xeito gradual, estando previsto que ao longo de 2026 se convoque o concurso para a provisión dun posto de sarxento 1º ou sarxento e dúas prazas de Garda Civil, que se sumarán ao Cabo 1º e aos dous gardas civís que xa prestan servizo na actualidade.

Que suporá este aumento no plantel de persoal? Pois permitirá achegar unha resposta policial máis axeitada a un municipio que conta con máis de 9.000 habitantes censados, unha cifra que se ve moi superada durante as épocas estivais. Trátase ademais dun concello cun importante dinamismo empresarial e laboral, cun desenvolvemento económico que vai ligado a novos retos en materia de seguridade, aos que se poderá facer fronte con maiores garantías grazas á nova estrutura do posto.
O novo posto ordinario facilitará tamén o reforzo da cooperación coa Policía Local da Pobra do Caramiñal, permitindo unha atención máis próxima aos problemas da veciñanza e unha mellor coordinación dos recursos de seguridade no eido municipal.
Na adopción desta decisión tivo igualmente un peso relevante a situación xeográfica do municipio, que dificulta os apoios recíprocos inmediatos que se poden prestar noutros puntos da provincia. Neste senso, a creación dos novos postos de traballo terá tamén un impacto positivo no conxunto da área, xa que o posto da Pobra actuará en estreita colaboración cos de Porto do Son, Boiro e Rianxo, reforzando a cobertura territorial e operativa da Garda Civil nesta zona.
Por último, informar que a Comandancia da Garda Civil da provincia da Coruña abrangue o 94% do territorio provincial, con 644.899 habitantes, o que representa o 57% da poboación total, e conta cunha demarcación de 956 quilómetros de costa, o que evidencia a relevancia do reforzo dos recursos de seguridade neste ámbito. Para atender este territorio, a Comandancia dispón na provincia dun total de 51 postos da Garda Civil.
José Carlos Vidal di a iniciativa vai marcar “un antes e un despois”

“Hoxe é un día moi importante para a nosa localidade, un que vai marcar un antes e un despois en materia de seguridade cidadá”. Así se expresaba o alcalde, José Carlos Vidal, con respecto á disposición dun futuro posto ordinario da Garda Civil no municipio.
Lembrou que ata o de agora o concello contaba con tres efectivos, pero a partir do mes de xaneiro, o da Pobra do Caramiñal “será un posto ordinario con que formarán parte unha ducia de efectivos”.
A cobertura destes postos levarase a cabo de xeito gradual, permitindo incrementar a dotación de persoal ata acadar os 12 gardas civís cun sarxento/sarxento 1º como comandante de posto; un cabo 1º/cabo como segundo comandante de posto e dez gardas civís.
Vidal incidiu en que esta novidade é unha aposta clara pola “seguridade, a proximidade e a tranquilidade e benestar da cidadanía”. Tal e como subliñou, isto supón dar un paso máis “cara á construción dunha Pobra máis segura, cohesionada e con mellores servizos públicos”. O primeiro edil aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración do Ministerio de Interior, da Dirección Xeral da Garda Civil e da Delegación do Goberno e amosou a súa completa disposición “para colaborar na posta en marcha deste proxecto e contribuír co labor esencial que desenvolve diariamente a Garda Civil”.



