A Xunta concede axudas a 74 escolas de música para apoiar o seu funcionamento e fomentar o ensino musical, Entre elas as de O Son, Rianxo, Muros, Cambados, A Illa, Carnota e Cee.
Un total de 74 escolas de música xestionadas por concellos e por asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro resultaron beneficiarias da liña de axudas da Xunta de Galicia destinada ao desenvolvemento da súa actividade. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de resolver a convocatoria correspondente a este ano, dotada con 265.000 euros, cun reparto que varía en función do número de alumnado matriculado en cada centro.

O obxectivo destas subvencións é apoiar o funcionamento das escolas que imparten ensinanzas musicais non regradas, así como fomentar, difundir e estender este tipo de formación entre a cidadanía galega. Para poder optar ás axudas, os centros debían estar inscritos no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta convocatoria enmárcase no Plan EDUC-ART, posto en marcha neste curso, que ten entre os seus principais obxectivos o impulso das escolas de música como etapa previa ao acceso aos conservatorios profesionais. O plan inclúe tamén outras medidas como a ampliación de prazas, a incorporación de novas especialidades e o fortalecemento da formación superior no ámbito artístico mediante programas de mestrado e doutoramento.
Neste senso, cómpre lembrar que o Goberno galego puxo en marcha no ano 2023 o primeiro mestrado en ensinanzas artísticas de Galicia, centrado na creación, interpretación e investigación musical, que se imparte no Conservatorio Superior de Música de Vigo, supoñendo un fito no desenvolvemento académico destas ensinanzas na comunidade.
Na primeira categoría, correspondente ás escolas de música públicas, concédense axudas por un importe total de 100.000 euros, repartidas entre 37 centros, reforzando así o papel destas entidades na promoción da educación musical de base e no acceso á cultura en todo o territorio galego.




