A corporación municipal de Ribeira celebrou un emotivo acto de recoñecemento ao regatista Bruno Iglesias Sanlés, en homenaxe á súa traxectoria e aos recentes logros conseguidos na tempada 2024-2025. O deportista, acompañado pola súa familia e representantes do Club Náutico Deportivo de Ribeira, recibiu unha placa conmemorativa de mans da alcaldesa, Mariola Sampedro.

Bruno Iglesias destacou este ano como campión do ranking nacional e proclamouse Campión de España da Copa ILCA 6, celebrada o pasado mes de outubro na ría de Arousa. O ribeirense liderou ademais as categorías sub-17, sub-19 e sub-21, consolidándose como unha das grandes promesas da vela galega e española.
Durante o acto, a alcaldesa destacou o orgullo do municipio por contar cun deportista de tal proxección:
“Hoxe é un día para celebrar a unha futura promesa da vela. Ribeira é un municipio que mira ao mar, e Bruno é exemplo do talento que nace na casa e que leva o nome da nosa cidade con orgullo onde queira que vaia”, afirmou Sampedro.
A rexedora engadiu ademais un desexo simbólico:
“Que o vento sempre sopre ao seu favor e que conte co cariño de toda a cidadanía ribeirense como tripulación, independentemente do estado do mar”.
O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, salientou pola súa banda que os logros de Bruno “son froito dunha absoluta dedicación e entrega á vela. De seguro que nos seguirá traendo moitas alegrías a Ribeira”.
O novo campión iniciou o seu percorrido deportivo en 2018, na Escola de Vela Ramiro Carregal Rey do Club Náutico Deportivo de Ribeira, dentro da clase Optimist. Desde entón, foi acumulando triunfos: Copa Galicia Optimist 2021, subcampión galego 2021-2022, e campión galego e do ranking autonómico 2022-2023.
Na actual tempada, ingresou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, dentro do Programa de Tecnificación da clase ILCA 6 (sub-19). Nesta etapa, acadou o primeiro posto na categoría sub-17 no Campionato de España celebrado en Murcia, o que lle permitiu clasificarse directamente para o Campionato de Europa disputado en Vilamoura (Portugal), onde rematou a tempada liderando o ranking galego.
En anos anteriores, Iglesias xa se fixera un nome ao situarse entre os mellores da categoría sub-16 da clase ILCA 4, durante a tempada 2023-2024.
O presidente do Club Náutico Deportivo de Ribeira, José Luis Torres Colomer, acompañado polo director da Escola de Vela, José Fandiño, definiu a Bruno como “un futuro olímpico”, destacando “as súas tácticas espartanas, nas que o esforzo e a disciplina física e mental son a base do éxito”. Ademais, tivo palabras de ánimo para o resto dos alumnos da escola, a quen se referiu como “futuros campións”.

Recoñecemento ao labor do Club Náutico Deportivo de Ribeira
A alcaldesa aproveitou o acto para subliñar o papel fundamental do club na vida deportiva e social do municipio:
“Con 400 socios e 250 embarcacións, o Club Náutico Deportivo de Ribeira é un motor de formación, valores e orgullo local. Quero agradecer a súa entrega, así como a do seu mecenas e presidente honorífico, Ramiro Carregal Rey, pola súa aposta pola vela e polos máis novos”, sinalou Sampedro.
A mandataria concluíu que grazas ao labor do club, “o mar de Ribeira non é só un medio para vivir, senón tamén para sentir”.



