A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a traizón sistemática do Partido Popular aos intereses dos galegos e galegas. No concreto, nun novo episodio, os populares negáronse a aceptar no Senado a proposta do BNG que fóra un acordo unánime do Parlamento de Galiza en defensa do sector pesqueiro galego. Carme da Silva sinala que o Partido Popular “terá que explicar na Galiza por que no senado votan o contrario do que din defender na Galiza”.

Lembrou que o marco financeiro proposto pola Comisión Europea xerou unha grande preocupación pola enorme redución dos fondos destinados á pesca, á agricultura e á gandería e pola suba exponencial do gasto militar. “O marco presentado é destrutivo para os sectores produtivos galegos e é algo co que o Partido Popular está a favor” sinalou Carme da Silva, lembrando que “tanto a presidencia da Comisión Europea como os comisarios de Pesca e Agricultura son cargos populares”.
De levarse adiante este marco financeiro, alerta a senadora do BNG, “o sector pesqueiro galego vai ser dos principais afectados cunha redución drástica de 67% dos fondos que perciben, unha redución que se suma á perda paulatina dos fondos FEMPA que xa reduciron 105 millóns de euros na anterior programación”.
Recordou tamén que a organización nacionalista rexistrara “unha proposta no Senado -apoiada pola unanimidade da cámara galega- para que se rexeitase o marco financeiro plurianual proposto pola Comisión Europea, reclamando que se inclúan fondos específicos para a pesca, e que aumentase a programación actual mentres que a xestión dos fondos sexa realizado polas Comunidades Autónomas: é dicir, pola Galiza”. Dixo que por desgraza “os populares negáronse a aceptar a proposta do BNG” e Carme da Silva denunciou “a dobre postura do PP que, no Senado, traizoou o sector pesqueiro galego”, comentou, engadindo que “o Partido Popular non acepta no Senado un acordo unánime do Parlamento de Galiza, non respectan os acordos unánimes en materia de pesca da cámara galego e iso significa traizoar sistematicamente a nosa terra”.



