O Concello de Noia e a Confraría de Pescadores acordaron aprazar a celebración da Festa de Exaltación do Berberecho e do Vai de Tapas
previstas para esta fin de semana, debido “ao peche cautelar dos bancos marisqueiros pola presenza de toxina”. O Concello valorou a posibilidade de manter o Vai de Tapas, pero finalmente desbotouse, xa que “a edición deste ano estaba centrada no berberecho como produto protagonista e complemento á Festa de Exaltación.
Ademais, dende a Confraría informouse de que non dispoñen de produto suficiente para cubrir a demanda dos establecementos participantes. Dende o Goberno municipal salientan que “se buscará unha nova data para a celebración destas dúas iniciativas, que non interfira coa programación municipal e que permita devolver ao berberecho o papel protagonista que merece”.
O Concello de Noia e a Confraría de Pescadores agradecen a comprensión da veciñanza, do sector hostaleiro e das persoas visitantes, e confían en poder anunciar axiña unha nova data para celebrar o berberecho como símbolo de identidade e motor económico da vila.




