A Xunta tramita por emerxencia o gasto do remolque do buque incendiado no porto de Ribeira

03 Novembro 2025

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a tramitar por procedemento de emerxencia o gasto do remolque do buque que sufriu un incendio no porto de Ribeira o pasado mes de setembro.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, informou hoxe ao Consello da Xunta deste trámite unha vez executado o servizo, debido ao carácter urxente da situación. O custo da operación ascende a 172.000 euros, unha cantidade que será repercutida á aseguradora do barco.

O incendio do buque Awadi tivo lugar no peirao comercial de Ribeira os días 1, 2, 3 e 4 de setembro, xerando un risco importante para as persoas e instalacións portuarias, así como perigo de afundimento e contaminación mariña.

Ante a gravidade do suceso, a Consellería do Mar, mediante Portos de Galicia e o Servizo de Gardacostas, encabezou o operativo de extinción, no que participaron tamén a Capitanía Marítima de Vilagarcía, Salvamento Marítimo, os Bombeiros de Ribeira e Boiro e o Grupo de Emerxencias Municipal de Ribeira.

Entre os medios mobilizados utilizouse un remolcador do servizo portuario de Vilagarcía, o máis próximo á zona afectada, que permitiu empurrar o buque contra o peirao e evitar o seu afundimento.

Segundo os informes técnicos, o servizo prolongouse durante 41 horas de traballo, cun custo total de 172.000 euros. O ente público asumirá inicialmente o pago, que posteriormente será reclamado á aseguradora do navío.

O operativo permitiu evitar danos persoais e minimizar o impacto ambiental, xa que o barco transportaba máis de 20 toneladas de combustible, ademais de amoníaco e pintura, entre outros produtos.

Na actualidade, o buque permanece amarrado no porto de Ribeira á espera dos permisos necesarios para ser remolcado e levado a un estaleiro autorizado.

Outros artigos

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...