A Bandeira Verde de Galicia loce unha vez máis no paseo de Coroso

03 Novembro 2025

O paseo marítimo de Coroso conta novamente coa Bandeira Verde de Galicia ondeando no areal. Trátase dun recoñecemento que outorga por cuarto ano consecutivo a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao Concello de Ribeira polas “súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe”.

A alcaldesa, María Sampedro, xunto cos concelleiros Víctor Reiriz, Vicente Mariño e Ana Barreiro, izaron este luns 3 de novembro a bandeira.

Sinalaron que o dito recoñecemento fundaméntase en dez proxectos que versan sobre a ordenación do territorio; a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsábel dos residuos; e accións de sensibilización e comunicación.

A rexedora manifestou que o Concello de Ribeira xa leva máis dunha década traballando na planificación estratéxica, así como na sustentabilidade e a protección do patrimonio local, consolidándose xa con resultados no 2022; ano dende o cal “levamos sendo merecedor desta distinción. Somos un Concello que camiña cara políticas verdes, de protección do medio.” A isto engadiu que se traballará para que a praia de Coroso recupere no verán a Bandeira Azul, “dando cumprimento a unha serie de requisitos que reforcen os atributos deste areal urbano”.

“Cremos que debemos seguir potenciando tódalas calidades e tódalas bonanzas que ten esta praia, polo que non escatimaremos en apoio municipal para que esta praia siga sendo un referente en materia turística”, remarcou.

Últimos proxectos acometidos

Os dez proxectos polos que o Concello de Ribeira recibiu a Bandeira Verde de Galicia neste 2025 versan sobre distintos ámbitos. Un deles foi a recente instalación de paneis fotovoltaicos en catro instalacións municipais: o complexo deportivo da Fieiteira, o Auditorio, a Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e o Mercado Municipal. “Isto posibilita reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro apostando polas enerxías renovábeis”, sinalaron.

A rexedora salientou tamén que a cidade tamén conta con dous aseos autolimpiábeis en áreas concorridas como son a carón do paseo marítimo do Touro e no parque da zona das Avesadas.

Tamén destacou a redacción do proxecto da posta en valor sostíbel da fábrica de salgadura do Touro, coa que recuperar as ruínas existentes dunha antiga edificación nas inmediacións da praia de Area Secada, ao mesmo tempo que se incrementa a calidade paisaxística da contorna.

Así mesmo, lembrou que foron habilitados 159 composteiros individuais en vivendas do rural que contan con parcela, impartindo formación ás persoas participantes. Deste xeito, redúcese o peso da fracción resto no contedor xenérico e fortalécense as tres R: reducir, reutilizar e reciclar.

En canto a eliminación de especies exóticas invasoras, púxose o foco no control e erradicación da cortaderiaselloana, coñecida comunmente como herba da pampa. Pretendíase así deter e reverter a perda de biodiversidade. Finalmente, tamén se realizaron dous obradoiros de concienciación como, por

exemplo, a campaña sobre a reciclaxe sostíbel desenvolvida durante o Nadal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.