As grandes letras situadas nos accesos principais e na zona do dique de Ribeira mudaron de aspecto este martes. Os corazóns que acompañaban ao topónimo foron retirados por orde do alcalde, Luís Pérez Barral (BNG), quen explicou que a substitución polas novas “B” xa estaba prevista “desde hai varios meses” e responde “ao cumprimento da lei, que esixe empregar o topónimo oficial”.
Segundo o rexedor, as novas pezas de cemento foron elaboradas pola brigada municipal cun custo de 117,37 euros, destinado á compra do ferro que serve de soporte. “Sorpréndeme que sexa o PP quen poña o grito no ceo e non se escandalice por sobrecustos millonarios”, sinalou Pérez Barral, quen asegura contar con “probas fehacientes” de que o anterior goberno popular “gastou cartos públicos en incumprir a lexislación poñendo Ribeira con uve”.

Reaccións da oposición
O exalcalde popular e actual senador, Manuel Ruiz, cualificou a medida como “a verdadeira cara do BNG: 24 horas gobernando sós cos seus cinco concelleiros e xa vemos como sería o seu goberno en solitario, rompendo consensos e despilfarrando impostos”. Ruiz lembrou que o logotipo do corazón “xurdiu para superar a división entre os que defenden Ribeira con V e os que a escriben con B, respectando así a oficialidade”.
Tamén se pronunciou o portavoz do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, ata hai uns días socio de goberno de Pérez Barral e cesado recentemente como tenente de alcalde. Mariño acusou ao alcalde de actuar de maneira “infantil e sectaria”: “Quitar o corazón é quitar tamén un símbolo de Ribeira. Ademais, eses corazóns forman parte dunha imaxe corporativa financiada con fondos Edusi, suxeita a auditorías, e non se poden eliminar por capricho”.
Contexto político
A decisión chega en plena tensión política tras a presentación dunha moción de censura por parte do PP e do PBBI para retirar a alcaldía ao BNG. A retirada dos corazóns das letras identitarias de Ribeira converteuse así nun novo foco de confrontación no debate local.




