Ramón Tojo e a delegada da Xunta clausuran o obradoiro Xuventude Terras de Iria, no que se formaron 15 mozos e mozas da comarca

15 Outubro 2025

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, clausuraron este 15 de outubro o obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria, no que durante o último ano adquiriron formación 15 mozos e mozas dos tres concellos da comarca do Sar en tratamento e maquetación de elementos gráficos de preimpresión. Ramón Tojo felicitou ao alumnado presente polo traballo desenvolvido durante estes doce meses, nos que combinaron formación e práctica profesional no ámbito da promoción turística e do desenvolvemento local.

“Puidestes demostrar a vosa creatividade e iniciativa nun campo que ten moitas saídas laborais”, sinalou Ramón Tojo, engadindo que “sodes os autores de toda a campaña que imos por en marcha no municipio para promocionar o primeiro concurso de tapas que se vai desenvolver en Rois no mes de novembro”, engadiu o alcalde.

Nesta obradoiro Xuventude Terras de Iria, e entre outras creatividades, o alumnado tamén se encargou de deseñar a imaxe corporativa de Terras de Iria; o cartel para a campaña do 25N do Centro de Información á Muller Terras de Iria, e dos trípticos turísticos coas rutas de sendeirismo de Dodro.

Tojo Lens volveu resaltar a colaboración entre os tres municipios da comarca do Sar para emprender iniciativas como esta “que axudan á nosa veciñanza. Algo que, cada un polo seu lado, non conseguiriamos”.

Pola súa banda, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou que os participantes poñen punto e final a un ano intenso cheo de aprendizaxe, esforzo e ilusión, e subliñou que este programa abre novas portas laborais e ofrece máis ferramentas e experiencia para acceder ao mercado de traballo con garantías.

A representante autonómica felicitou aos participantes polo seu labor e destacou que ademais de aprender fixeron unha contribución de gran valor para os seus concellos e para o desenvolvemento turístico da comarca.

Ademais deste obradoiro Xuventude Terras de Iria, financiado con máis de 420.000 euros pola Xunta, Belén do Campo lembrou que os concellos de Padrón, Rois e Dodro tamén contaron cun obradoiro de emprego dual 2024-25 nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, cun total de 20 alumnos e unha inversión próxima aos 423.000 euros, o que eleva o investimento nestes dous talleres de emprego a preto de 850.000 euros nestes 3 concellos.

Na clausura do acto tamén participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín, e o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce.

Tras as intervencións, as autoridades entregáronlles os diplomas acreditativos ao alumnado presente no multiúsos de Rois.

Anxo Arca tamén destacou a colaboración entres os tres municipios e resaltou o “compromiso dos tres concellos coa mocidade”. O alcalde de Padrón fixo tamén alusión ao cartel do 25N deseñado polo alumnado, polo que “a cidadanía tamén vai ver o voso traballo e poderá comprobar que este obradoiro é unha inversión que ten unha repercusión positiva en toda a veciñanza e serve para darvos unha oportunidade laboral á xuventude”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...