“Onde se respecten as diferenzas”. Luís Celeiro

10 Outubro 2025

O cerebro dun vello é vello igualmente. É vello e nada máis. Co tempo, segundo indica a
investigación, prodúcense cambios cerebrais que obrigan a unha menor comunicación neuronal, á
perda da axilidade mental e á perda de memoria e, tamén, veñen encima cambios corporais, que
minguan a elasticidade na pel, a masa muscular, a visión e a audición.
A prensa recollía recentemente unhas declaracións do neurólogo e catedrático da Escola de
Medicina Harvard, Álvaro Pascual-Leone, nas que aseveraba que “querer manter ao cerebro coma o
dun mozo era unha estupidez”. Tamén advirte dos problemas das novas tecnoloxías para mellorar a
capacidade do cerebro. Quen sabe?
A ciencia e a tecnoloxía poderán provocar avances que deixen ao home, e ao seu cerebro, espido
diante do ano que vén, diante do acontecer de cada día e, mesmo, diante do espello. Aquí quen é
vello? Ao redor do nove por cento da poboación mundial ten sesenta e cinco ou máis anos. Estamos
neste tramo de idade cerca de trescentos catro millóns de homes e máis de trescentos setenta e seis
millóns de mulleres. Son moita xente, moitos vellos e moitas vellas.
Segundo a ONU, que conta na actualidade con 193 estados membros e 2 estados observadores
permanentes, en 2024, a poboación mundial era duns oito mil douscentos millóns de persoas e,
durante os próximos cincuenta anos, seguirá medrando e o mundo alcanzará a cifra de dez mil
trescentos millóns de habitantes, aí polo 2085, cando as persoas de sesenta e cinco anos ou máis
sexan dous mil douscentos millóns, superando en número ás menores de dezaoito anos.
A partir de 2085, producirase un leve descenso, para entrar no século XXII coa terra ocupada por dez
mil douscentos millóns de habitantes. E, que pasa en Galicia, na zona rural de Galicia? Hai poucos
anos, os políticos ofertaban auditorios e construíanse a esgalla, agora fanse residencias para os
maiores e tanatorios, en calquera esquina. Antes fomos emigrantes e agora, segundo as predicións,
estamos a expensas da inmigración.
A Tía Manuela, igual que vostede, sábeo ben, os inmigrantes son nais, pais, irmáns, irmás, fillos e
parentes, co enorme alivio que produce a ilusión e a esperanza de traballar e vivir en liberdade,
construíndo un mundo onde se respecten e aprecien as diferenzas.

Outros artigos

Alerta laranxa o sábado con risco de treboadas sobre todo no interior

Activada este sábado a alerta laranxa ante a previsión de intensas tormentas e precipitacións que afectarán principalmente ao noroeste e ao interior da provincia da Coruña. Segundo os datos facilitados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o aviso activarase a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.