O PSTD da Ría de Muros Noia construirá unha pasarela peonil en madeira de 360 metros para mellorar a seguridade entre O Son e o Castro de Baroña

13 Outubro 2025

O presidente da Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría da Estrela e alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, e o tesoureiro da entidade e alcalde de Noia, Francisco Pérez, veñen de asistir ao acto de trazado de planto das obras de construción dunha pasarela peonil en madeira para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dun tramo existente entre Porto do Son eo Castro de Baroña. Son uns traballos “incluídos dentro das actuacións recollidas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia e que suporán un investimento de 218.919,34 euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU”.

Esta actuación pretende “mellorar o proxecto de posta en valor do borde litoral entre Porto do Son e o Castro de Baroña acometido polo Concello de Porto do Son no ano 2014”, sinalaron, engadindo que o treito sobre o que se vai actuar ten una lonxitude aproximada de 360 metros, paralelo á AC-550. Explicaron que se inicia na saída do núcleo urbano de Porto do Son e finaliza nun pequeno promontorio sobre a cova do Fonforrón, un punto “dende onde se accede a un antigo camiño que sigue o itinerario pegado aos cantís que dan sobre a praia do Fonforrón.

“Trátase dun tramo que conta con beirarrúa pero moi estreita, contando cun ancho de 70 centímetros nalgúns dos seus puntos onde apenas poden cruzarse dous peóns e tamén supón moita dificultade e perigo para o tránsito de persoas en cadeira de rodas”, explicou Luís Oujo, apuntando que “para melloralo, construirase unha plataforma voada en madeira pola parte exterior e ao mesmo nivel que a beirarrúa existente, de forma que os peóns estarán protexidos polo peitoril de granito”. Así, a nova plataforma terá un ancho de aproximadamente 1,7 metros ao longo de todo o tramo.

“O obxectivo é potenciar este tramo litoral a través de estratexias brandas e sostíbeis, favorecendo así o tránsito das persoas de mobilidade reducida e dos grupos, fundamentalmente escolares, permitíndolles desfrutar das fermosas vistas do noso litoral e evitarlles o risco de transitar polo beiravía da AC-550”, apunta o presidente da ría de Muros e Noia.

Obras a acometer

Luis Oujo e Francisco Pérez estiveron acompañados no acto de planteo do trazado das obras por Marcial Rodríguez, de RVR Arquitectos, redactor do proxecto e director da obra; David Gómez, responsábel de seguridade destes traballos; e dun representante de Excanando SA, empresa adxudicataria das obras. Aló comprobaron que o tramo da actuación conta cunha beirarrúa pavimentada en formigón cuns anchos variábeis entre os 70 e os 173 centímetros. Beirarrúa que está delimitada, na parte que dá ao mar, por un pequeno peitoril de granito de 50 centímetros de altura e 40 centímetros de ancho, que apoia sobre a coroación dun muro de contención de cachotería que conforma a plataforma da AC-550.

O proxecto contempla a construción dunha pasarela pola parte exterior deste peitoril, de forma que serva de separación e protección do espazo peonil da pasarela con respecto á estrada. Para evitar a construción de piares sobre os terreos que delimitan o muro de contención, empregarase un sistema construtivo de trabes prefabricadas de formigón en voadizo, cun espesor de 18 centímetros e cun voo duns 171 centímetros, que serán ancoradas a unha cimentación de formigón armado que actúa de contrapeso. Sobre estas trabes apoiaranse unha serie de viguetas de madeira laminada de piñeiro vermello, mentres que o pavimento da pasarela farase con taboleiros de madeira de pino vermello, sobre o que se aplicará un tratamento antideslizante. Finalmente, construirase unha varanda, tamén en madeira maciza de piñeiro vermello.

Estas obras están recollidas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia, que buscan poñer en valor os recursos e os atractivos da zona. O plan contempla actuacións por un importe de 2,3 millóns de euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU, e catro eixos de acción: transición verde e sostíbel, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...