
O grupo municipal socialista de Rianxo emitiu un comunicado no que reclama a Augas de Galicia que asuma a xestión integral e conxunta da EDAR e do tanque de tormentas de Rianxo ou, no seu defecto, que active a licitación do servizo canto antes. O obxectivo é “garantir unha prestación estábel, eficiente e coordinada, sen que iso supoña sobrecustes nin a creación de novos cánons para o Concello”. Engade o PSOE local que “esta non é unha demanda nova” e que xa o anterior goberno municipal solicitou en 2022 a Augas de Galicia que asumise esta responsabilidade.
“Case catro anos despois”, sinálase no comunicado, “a situación segue sen resolverse e o servizo continúa xestionándose mediante contratacións urxentes, con empresas que incluso levan meses sen percibir os pagos correspondentes por parte do Goberno local”.
Para o PSOE de Rianxo, “esta realidade xera inestabilidade, precariedade e risco tanto para a prestación do servizo como para a protección ambiental da ría, e pon de manifesto a falta de planificación por parte da Administración autonómica”.
Sinalan que se trata “dun servizo esencial que non pode depender de solucións improvisadas nin de incertezas financeiras” e que “a licitación do servizo por parte de Augas de Galicia permitiría consolidar un modelo estábel, transparente e con garantías técnicas e ambientais, evitando sobrecargar economicamente ao Concello”.
O grupo socialista insta á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia a desbloquear de inmediato este proceso, tal e como se leva reclamando desde hai anos, para dar seguridade xurídica, estabilidade laboral e garantir a calidade da depuración.
“Rianxo precisa certezas e planificación. Non se pode admitir que unha infraestrutura clave siga en situación provisional case catro anos despois de facerse a solicitude”, conclúen.



