O Outono Cultural da Pobra do Caramiñal vén con teatro, música e danza

17 Outubro 2025

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou a programación do Outono Cultural 2025,  unha proposta que encherá o Teatro Cine Elma de música, danza e teatro durante os meses de outubro, novembro e decembro. Todas as funcións serán ás 19:00 horas e supoñen unha variada selección de espectáculos de primeiro nivel.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor que “o Outono Cultural é un programa que nos permite a todas e todos gozar das artes escénicas”, constituíndo “unha alternativa de lecer accesíbel e de proximidade para a veciñanza”.

Tal e como detallou a edil durante a presentación, o ciclo abrirase o domingo 26 de outubro, cando o Teatro Cine Elma se converta nun edificio totalmente derruído por un bombardeo nunha guerra desatada no corazón de Europa. Durante a representación de Guerra, da compañía Teatro do Noroeste, irán aparecendo os personaxes do teatro universal que se representaron ao longo da historia.

O domingo 2 de novembro será a quenda de Retrincos de Castelao, unha produción de Artefeito e Culturactiva incluída no Programa de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. A obra fai un achegamento ao humor na obra do autor de Rianxo, unha das figuras máis relevantes da literatura galega.

A programación continuará o domingo 9 de novembro coa peza As gardiás ou o nó do Tecelán, da compañía Teatro de Ningures. Nela varias mulleres maiores defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade, o que elas coñecen como envellecer ben.

O ciclo continuará con O proceso o domingo 16 de novembro. Nela Malasombra Producións pon en escena unha montaxe que, en ton de comedia, dá conta do xuízo que sufriu Manuel Curros Enríquez.

O domingo 23 será a vez de As desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas. Nesta peza represéntase a heroica resistencia dunha comunidade de monxas á beira do Miño no século XVI cando se ve ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica.

O sábado 29 de novembro a música será a gran protagonista coa actuación da Orquestra da Cámara Galega. Ao día seguinte, domingo 30, a compañía Ibuprofeno Teatro subirá ao escenario coa súa obra Deadpan karaoke, un espectáculo unipersoal de carácter participativo que fai que o público se replante unha curiosa pregunta.

O mes de decembro abrirase o domingo 7 coa proposta +Lume, +Ferro, de Zabala e Atalaias de Caión, unha proposta que mestura tradición, emoción e sonoridades contemporáneas para crear unha experiencia única. A programación pecharase a semana seguinte, o domingo 14, coa peza de danza Od(i)osa, de Morriña Dance Project.

Agás as obras Guerra e Retrincos de Castelao, todas as demais forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña, unha iniciativa impulsada pola entidade provincial para facilitar o acceso á cultura e apoiar ás compañías galegas.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.