
Existe unha perda de produtividade do marisqueo no noso país. Esta é a realidade que xuntou en Santiago, na tarde deste 30 de setembro, a investigadores de diversos centros existentes en Galicia (o CIM, o iARCUS e o Centro Oceanográfico de Vigo) no marco da sesión O marisqueo en Galicia organizada pola Sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Alicia Estévez Toranzo coordinou esta cita na que se presentou a afectación da salinidade e da temperatura sobre os principais bivalvos (ameixa e berberecho), demandouse un estudo global para elaborar un plan de xestión integral das especies exóticas ademais de expoñerse as liñas de actuación presentes como as investigación en marcha sobre a contaminación química e microbiana nas zonas de Aldán e a ría de Arousa.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, xunto con Alicia Estévez, abriron a sesión que foi gravada e se pode consultar no web e na canle de YouTube da institución.
“Buscamos analizar a perda de produtividade do marisqueo en Galicia, unha tendencia que se observa desde hai anos pero que se está a intensificar de maneira notábel pero desde un punto de vista científico, para non deixar lugar á desinformacion”, sinalou Alicia Estévez Toranzo, engadindo que “sabemos que hai moitos axentes vencellados ao cambio climático como o aumento da temperatura do mar e da atmosfera, as alteracións nos patróns de vento, entre outros, sen esquecer outros factores de natureza social, dos que hoxe non falaremos, como o furtivismo e a falta de relevo xeracional”.
A sesión pretendeu tamén abrir un debate sobre que se pode facer para mitigar estes impactos, polo que contou coa presenza de investigadores especializados en distintas áreas e representantes da administración.

Abriu a sesión Elsa Vázquez Otero, quen abordou cal é a “nova normalidade” dos bivalvos. Avanzou os primeiros datos dos estudos realizados desde o Centro de Investigación Mariña nos que “si se establecen relacións entre os cambios de temperatura e salinidade na fauna e na flora”. Efectos que, segundo lembrou, van desde a mortalidade, cambios nas tallas e na cadea de interacción entre as especies. Explicou que as especies estudadas responden de maneira diferente á temperatura e á salinidade. “A ameixa fina é máis tolerante ás altas temperaturas que o berberecho, mentres que a ameixa xapónica é máis tolerante aos cambios de salinidade que a ameixa babosa”, sinalou.
De seguido, o catedrático de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Isaac Rodríguez Pereiro, avanzou as características do proxecto CALIMAR, financiado pola Consellería do Mar a través da convocatoria Rede MAR e dirixido por Carlos Pereira. No proxecto, un conxunto de grupos de investigación relacionaban a produtividade dos bancos marisqueiros co impacto de diferentes contaminantes químicos. As zonas de estudo sitúanse na ría de Arousa e na enseada de Aldán. Alí “aplicamos técnicas de cribado baseadas en espectrometría de masas que permiten identificar compostos potencialmente tóxicos tanto na auga como en mostras de bivalvos” apuntou, engadindo que estamos ante un “enfoque pioneiro en Galicia”, porque non se centra en familias concretas de compostos, senón que abrangue unha visión global dos fluxos contaminantes que proceden, principalmente, da actividade industrial, urbana e agrícola das áreas que rodean a ría. O proxecto desenvolverase en catro campañas ao longo de 2025 e 2026 e pretende determinar se existen compostos por riba de niveis tóxicos que poidan afectar á supervivencia dos moluscos e do fitoplancto.
Tamén da USC, Miguel Balado Dacosta puxo o acento na importancia da contaminación microbiolóxica. Segundo explicou, leva anos investigando “os factores que favorecen que certas bacterias desenvolvan un maior potencial patóxeno, algo que pode ter consecuencias directas sobre a saúde dos bancos marisqueiros e sobre a súa produtividade”.
Outro dos aspectos destacados foi o das especies exóticas invasoras, analizado polo especialista Rafael Bañón Díaz. Indicou que “en Galicia non existe un inventario oficial destas especies nin estudos sistemáticos sobre o seu impacto no marisqueo, polo que o coñecemento actual é limitado e redúcese a investigacións puntuais feitas polo interese particular dalgún investigador”. Na súa intervención explicou que algunhas foron introducidas de maneira intencional, como a ameixa xapónica, hoxe plenamente naturalizada e comercializada, mentres que outras chegaron asociadas á importación de semente mariña procedente doutras zonas, como o Mediterráneo. É o caso de gasterópodos depredadores detectados recentemente na enseada do Grove, que terían chegado nesas partidas de semente. O experto advertiu que “malia a evidencia da presenza deste tipo de especies, non existe un plan de xestión integral das especies exóticas, máis alá de actuacións puntuais de retirada, e reclamou a necesidade dun estudo global que avalíe a súa extensión e impacto sobre os ecosistemas mariños galegos”.
Pola súa parte, Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), explicou as liñas de actuación da administración galega no control da calidade do medio mariño e na seguridade dos produtos do mar. Recordou que o INTECMAR, creado en 2004, constitúe un referente no control das biotoxinas mariñas e que cada ano realiza arredor de cen mil análises que abranguen desde o seguimento das condicións oceanográficas ata a vixilancia da contaminación química e microbiolóxica ou o control de patoloxías en moluscos. Este traballo baséase nunha extensa rede de puntos de mostraxe repartidos por todo o litoral galego, cun sistema de recollida de datos e información en tempo real que se publica de maneira inmediata na súa páxina web.
A sesión pode visualizarse a través da canle en Youtube do CCG.



