A sede en Santiago da Fundación RIA (Casa RIA) acolleu este xoves 16 de outubro pola mañá o acto institucional de presentación da exposición de Casa RIA dedicada ao proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Tamén foron avanzados os resultados de seis anos traballando a prol da xestión sostíbel do territorio (os seis anos de actividade do Laboratorio). Participaron no acto David Chipperfield, presidente da Fundación RIA, Lourenzo Fernández, director científico comisario do CISPAC, Teresa Ágreda, titora do proxecto da Fundación Biodiversidad (MITECO), Rosa Ana García, deputada de emprego e industria da Deputación da Coruña, e José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia. Participaron tamén representantes de concellos, universidades, fundacións e comunidades de montes. Pola tarde, procedeuse a inaugurar a exposición na Casa RIA.

Explicaron que a mostra expón ata xaneiro a fase actual do proxecto, desenvolvida co apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO
no marco do PRTR, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. O Laboratorio Ecosocial impulsa a planificación e acción comunitaria
para afrontar retos comúns como a prevención de incendios, a recuperación de áreas en abandono e a creación de emprego verde
Durante a súa intervención, David Chipperfield subliñou que “é importante impulsar proxectos de colaboración e traballar de maneira horizontal”, destacando o Laboratorio Ecosocial do Barbanza como un exemplo de cooperación institucional e cidadá que permite conectar o coñecemento técnico coa realidade do territorio.
Nesa mesma liña, Lourenzo Fernández Prieto definiu o proxecto como “un proxecto precioso, pioneiro e paradigmático”, que mostra o potencial da investigación aplicada e da colaboración entre universidades e comunidades locais.
Desde a Fundación Biodiversidad do MITECO, Teresa Ágreda salientou que “o impulso á bioeconomía forestal permitiu abordar proxectos como o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que combinan innovación, ciencia e acción local”, e puxo en valor o papel da cooperación como ferramenta para avanzar cara a unha transición ecolóxica real no medio rural.
Pola súa banda, a deputada Rosa Ana García afirmou que “a cooperación fai posíbel que este proxecto sexa viábel”, mentres que José Luis Chan lembrou a dimensión territorial do reto: “Galicia conta con dous millóns de hectáreas de montes, e é preciso centrar a mirada aí”.
Tralas intervencións institucionais, representantes das diferentes entidades socias do proxecto completaron a xornada cunha sesión técnica de presentación de resultados, na que se expuxeron as principais liñas de traballo e aprendizaxes acumuladas. Participaron Adriań Capelo (coordinación e comunicación da Fundación RIA), David Soto (investigación agraria da USC, Histagra-CISPAC), Rafael Saco (xestión do territorio, Plataforma pola Defensa do Monte), Claudia de Sas (transformación local PDM e da Comunidade de Montes Veciñal de Baroña), Ana Barreiro e Ainoa Míguez (investigación de solos da USC, Uxafores), Joám Evans (comunidade e educación, Montescola), e Julían Bustelo (formación, alcalde do Concello de Rianxo).
Esta mesma tarde, a partir das 18 h, celebrouse a inauguración aberta ao público da exposición, cunhas breves palabras de benvida e uns petiscos. A mostra poderá visitarse en Casa RIA (Santiago de Compostela) de luns a sábado, de 10 a 17 h, ata o 24 de xaneiro de 2026, e complétase cun programa de conversas, obradoiros e actividades que se desenvolverán nos próximos meses en Santiago e no Barbanza.

Un proxecto colectivo para repensar o territorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza xorde en 2020 como un proxecto colaborativo que, ao longo destes seis anos, foi reunindo comunidades locais, universidades, administracións e entidades sociais co obxectivo de actualizar e reforzar as prácticas de xestión comunitaria do territorio. Partindo da historia e do coñecemento das comunidades de montes veciñais en man común, o Laboratorio combina investigación, planificación e acción práctica para impulsar un modelo de desenvolvemento multifuncional, cooperativo e sustentábel. Tras unha primeira fase de investigación participativa e de recoñecemento das iniciativas innovadoras existentes na península do Barbanza, o proxecto consolidouse en 2023 grazas ao impulso de 2 millóns de euros da convocatoria de bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Este setembro, a falta duns meses do remate desta axuda, o proxecto foi recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do PRTR, destacando entre máis de 1.000 proxectos subvencionados pola súa capacidade de coordinación entre axentes públicos e locais, e polo seu impacto ambiental e social no territorio.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza demostra que se pode converter a cooperación local nun motor de innovación territorial, conectando o coñecemento científico coa experiencia comunitaria. O seu enfoque integral —ambiental, social e económico— converte o proxecto nun modelo replicábel para outros territorios rurais de Galicia e de Europa, capaz de traducir as políticas públicas en accións consensuadas e coherentes coa realidade local.

Exposición en Casa RIA
A exposición Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio propón un percorrido polas principais fases e aprendizaxes do proxecto. A través de paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais, os e as visitantes de Casa RIA poderán coñecer como o traballo conxunto das comunidades de montes do Barbanza está a reverter procesos de abandono agrario, impulsar economías locais e fortalecer a biodiversidade. O acceso á exposición é libre no horario de apertura de Casa RIA (de luns a sábado, de 10 a 17 h).
A mostra complétase cunha programación continua de actividades que se estenderán nos próximos meses, ata o peche da mostra o día 24 de xaneiro. En Casa RIA celebraranse conversas e debates abertos ao público, mentres que no Barbanza terán lugar obradoiros, visitas, accións de formación e actividades de voluntariado. O ciclo de encontros en Casa RIA incluirá cinco conversas ao longo dos próximos meses sobre temáticas vinculadas ao proxecto, como a xestión comunitaria do territorio, o uso da madeira de proximidade na construción, a gandería rexenerativa como ferramenta económica e ambiental, o papel das comunidades na transición enerxética e a formación no medio rural.Unha rede de colaboración cada vez máis ampla.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Está coordinado pola Fundación RIA e integrado pola Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela —a través do CISPAC e dos grupos de investigación Histagra e Uxafores—, a Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.
Colaboran no proxecto as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Baroña, Leiro, O Fieitoso de Taragoña, Araño, Paradela, Isorna, Campelo, Vilar e Cerqueiras, Asados, Ourille, O Carballo e Zobra.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa promovida en 2020 pola Fundación RIA en colaboración co grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela e o CISPAC, que ata o ano 2023 contou co apoio da Fundación Banco Santander e a Cátedra Juana de Vega.





