
A asociación Mulleres Salgadas, referente na defensa e visibilización do papel das mulleres vinculadas ao mar, anuncia o nomeamento de Sandra Amezaga Menéndez como nova coordinadora xeral.
Segundo informou a asociación con sede en Vilagarcía, Amezaga forma parte activa da organización desde a súa fundación, exercendo o cargo de secretaria, “o que lle permitiu coñecer en profundidade tanto o funcionamento interno da asociación como os retos e oportunidades do sector marítimo”.
A súa traxectoria persoal e profesional está estreitamente ligada ao mar, reforzando así o seu compromiso cos valores e obxectivos de Mulleres Salgadas.
É licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, e conta con formación especializada en igualdade de xénero. Comprometida coa defensa dos dereitos das mulleres e cun enfoque feminista, Sandra Amezaga achega unha visión crítica e transformadora que será clave para fortalecer o papel das mulleres no ámbito pesqueiro e marisqueiro
A nova coordinadora anunciou que asumirá a dirección estratéxica e executiva da asociación, “co obxectivo de reforzar e consolidar o seu crecemento, impulsar novas iniciativas e fortalecer a rede de mulleres do mar en Galicia e máis alá”.
Este nomeamento representa un paso firme cara á profesionalización e expansión de Mulleres Salgadas, reafirmando a súa misión de dar voz e protagonismo ás mulleres que traballan e viven arredor do mar.




