O Centro Recreativo de Artes e o Concello de Ribeira, a través da súa área de Cultura, veñen de convocar a 12ª edición do Concurso de Poesía Albariza de Artes, unha iniciativa que busca fomentar a creación literaria en lingua galega entre persoas de todas as idades.
O prazo para presentar os traballos estará aberto ata o domingo 26 de outubro ás 23:59 horas. As obras deberán ser orixinais e inéditas, e poderán remitirse tanto por vía presencial ou correo postal ao Centro Recreativo e Cultural de Artes (Ribeira), como por correo electrónico en formato PDF a centrorecreativoartes@gmail.com.
Categorías e premios
O certame contempla diferentes categorías en función da idade:
- 9 a 11 anos: pezas de entre 20 e 30 versos.
- 12 a 14 anos: pezas de entre 25 e 50 versos.
- 15 a 17 anos: pezas de entre 50 e 100 versos.
- Adultos (a partir de 18 anos): pezas de entre 50 e 150 versos.
- Categoría especial para persoas maiores: poesía (20 a 50 versos) ou relatos/lendas de ata unha páxina.
En todas as categorías haberá primeiros e segundos premios, con placas conmemorativas, vales de material escolar ou deportivo para os máis novos, e premios en metálico de ata 250 euros para a categoría de adultos. Ademais, outorgaranse mencións especiais e publicarase unha escolma cos textos seleccionados.
Acto de entrega
A decisión do xurado darase a coñecer nun acto público o domingo 16 de novembro ás 17:00 horas, nos locais do Centro Recreativo e Cultural de Artes, coa colaboración do Concello de Ribeira. O evento rematará cun pequeno ágape.




