Regresa este domingo a limpeza simultánea do Proxecto Ríos de ADEGA, de novo co apoio de Rianxo e Padrón

17 Setembro 2025

Este vindeiro domingo, 21 de setembro, o voluntariado ambiental galego ten unha cita cos ríos do país. A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada pola organización ecoloxista ADEGA a través do seu Proxecto Ríos, celebrarase nesta edición nun total de 51 concellos de toda Galiza (incluído como vén sendo habitual o termo rianxeiro, grazas á cooperación do Concello e da Asociación de Veciños do Araño, e tamén o termo padronés grazas ao labor da Asociación Naturalista Hispella), e nela participarán case 70 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas ou centros de ensino, moitas delas asiduas nestas limpezas e outras tantas que se suman por primeira vez a esta décimo oitava edición.

Baixo o lema Móllate polos ríos estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.

Na web de Proxecto Ríos está dispoñíbel a listaxe de concellos e asociacións participantes, con datos de contacto para poder sumarse ás actividades, sempre que os grupos non estean xa pechados. A Estrada, A Coruña, Allariz, Ames, Baiona, Moaña, Ourense, O Grove, Santiago de Compostela ou Vigo son algunhas das localidades nas que se impulsan limpezas, entre outras moitas, de forma que todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.

Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca “fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá”.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación. Neste ano 2025, Proxecto Ríos celebra os seus 20 anos de traxectoria.

Nesta XVIII edición, a Limpeza Simultánea conta coa colaboración dos concellos de Allariz, Ames, Ares, As Pontes, Cangas, Fene, Meis, Melide, Moaña, Muras, Narón, Nigrán, Ourense, Pontevedra, Rianxo, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tomiño e Vilasantar. A actividade está financiada pola Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que apoian este esforzo colectivo polo coidado dos nosos ríos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.