A Xunta de Galicia recibiu un total de dez ofertas para a execución das obras de conversión en autovía de 4,9 quilómetros da vía de altas prestacións (VAP) Brión-Noia, no tramo que discorre polos concellos de Brión e Rois.
Do total de propostas presentadas, seis son UTE que agrupan a 16 empresas. As obras foron licitadas cun orzamento de 11,2 millóns de euros e teñen un prazo estimado de execución de 18 meses.
A Administración autonómica xa realizou o acto de levantamento de actas previas ás expropiacións, e a formalización das actas de ocupación está prevista para o 27 de outubro nos concellos de Brión e Rois.
O proxecto abrangue o tramo comprendido entre Brión e o enlace de Urdilde (puntos quilométricos 11+640 e 16+600). O desdobramento contempla dúas calzadas con dous carrís de 3,5 metros cada un, beiravías de 2,5 metros exteriores e 1 metro interiores, así como unha mediana de 3 metros, dándolle continuidade ás características da autovía no treito Santiago-Brión.
As obras incluirán modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56) para adaptar o trazado. Entre elas, a reconstrución dos noiros do desmonte na marxe esquerda en dirección Noia para gañar o ancho necesario, e a execución definitiva dos ramais do enlace de Urdilde. Pola contra, o ramal de entrada en Gundín desaparecerá debido á imposibilidade física de conservalo coa ampliación da calzada.
A actuación beneficiará directamente a unha poboación de 160.000 habitantes dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia.
Este contrato dá continuidade á aprobación, o pasado mes de febreiro, do proxecto de trazado para o desdobramento da CG-1.5 entre a autovía Santiago-Brión e o tramo Martelo-Noia, cun investimento global estimado que superará os 29 millóns de euros.




