A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira, Ana Isabel Barreiro Rego, presentou unha proposición para o seu debate no pleno ordinario do Concello do vindeiro 29 de setembro de 2025. A iniciativa busca que o goberno local adopte medidas preventivas fronte ás inundacións que adoitan producirse co inicio do outono.

Segundo expón Barreiro Rego, “é tempo de actuar con previsión e non de esperar a que as inundacións causen danos”. A concelleira lembra que se trata dunha demanda reiterada pola veciñanza en distintos foros e que afecta a cuestións cotiás pero relevantes, como a limpeza inmediata de cunetas, pasos de auga, sumidoiros e desaugadoiros.
Entre as medidas que propón o PP destacan:
- A posta en marcha dun plan de mantemento regular en todo o municipio.
- A solicitude de permiso e colaboración aos organismos competentes, como Augas de Galicia e Medio Ambiente, para actuar tamén nos leitos de ríos e arroios.
- Unha mellor coordinación entre administracións para que ningunha zona quede sen atender.
- O impulso á educación cidadá para evitar o vertido de lixo nestes espazos.
“O mantemento básico non é un gasto, senón un investimento en seguridade”, sinala a concelleira popular, que lembra que cada ano se repiten as mesmas incidencias: camiños asolagados, vivendas afectadas e cortes de tráfico.
Por iso, o Grupo Municipal do PP solicita que, de cara á nova estación, se elabore un plan para limpar cunetas, rozas nas zonas de paso da auga e reducir o risco de asolagamentos, especialmente nas zonas de posible desborde de ríos, regatos e áreas rurais. Tamén piden que se solicite axuda ás administracións competentes para a limpeza de cunetas e árbores nas marxes das zonas hídricas.




