O Concello de Muros pon en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia: a Escola Municipal de Debate e Oratoria nos centros educativos

29 Setembro 2025

O Concello de Muros, a través da Concellería de Ensino e Lingua, pon en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia: a primeira Escola Municipal de Debate e Oratoria, baixo o lema O falar non ten cancelas.

O programa está dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, tendo preferencia o alumnado matriculado en centros educativos de Muros.

Haberá grupos diferenciados segundo a etapa educativa (máximo 16 e mínimo 8 participantes por grupo), cun número máximo de 48 prazas en total. As sesións terán lugar na antiga EEI Muros, os mércores de 16:00 a 20:30 horas (a distribución horaria concreta establecerase en función dos grupos formados).

“Entre os beneficios para o alumnado está a mellora da expresión oral e non verbal; o fomento da confianza, autoestima e capacidade para falar en público; o desenvolvemento do pensamento crítico e da argumentación; a preparación para entrevistas, exposicións académicas e contextos profesionais, e a promoción do uso da lingua galega en contextos formais e informais”, explicou a alcaldesa, María Lago, a respecto desta iniciativa, destacando tamén “que facilita a conciliación das familias dos alumnos e alumnas participantes”.

A concelleira de Ensino e Lingua, Laura Rivadeneira, engadiu que “estamos ante un proxecto educativo innovador que busca desenvolver as destrezas comunicativas da mocidade en lingua galega, fomentar o pensamento crítico e a capacidade de expresión en público, e consolidar espazos de reflexión arredor de temas de actualidade”.

Entre outubro e decembro haberá 10 sesións de hora e media, e entre xaneiro e xuño 2026 outras 19 sesións de hora e media.

A preinscrición é desde hoxe, 29 de setembro, e ata o 6 de outubro mediante un formulario. A matrícula, do 8 ao 10 de outubro, unha vez confirmada a praza. A cota mensual é de 20 euros por participante.

O proxecto incluirá torneos de debate, encontros entre centros educativos e exposicións abertas á cidadanía, converténdose nun referente cultural e educativo en Muros.

O concello agradece a colaboración dos centros educativos na difusión desta iniciativa entre o alumnado e as familias, co fin de garantir a máxima participación e éxito desta proposta.

As bases e o formulario de preinscrición están dispoñíbeis na Rede.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.