Luís Pérez Barral: “Tomban este goberno porque saben que funciona”

30 Setembro 2025

O BNG de Ribeira, a través do seu voceiro Luís Pérez Barral, actual alcalde do Concello, emitiu unha declaración respecto do pacto asinado polo PBBI (até o de agora no goberno) e o PP (na oposición) para arrebatarlle o executivo aos nacionalistas a través dunha moción de censura. No comunicado o alcalde recrimina coaccións e “posíbeis intereses económicos persoais para asinar a moción de censura”. E engádese: “Onte en Ribeira asistimos á presentación dunha moción de censura absolutamente bochornosa que non responde ao interese xeral da nosa veciñanza senón unicamente a intereses persoais e partidistas”.

Apuntan os nacionalistas que “resulta vergoñento comprobar como o Partido Popular é capaz de facer o que sexa para acadar o poder, mesmo a costa de poñer en risco a estabilidade do noso concello e de traizoar a confianza depositada polos veciños”. Sinalan tamén que “esta moción preséntase contra un goberno que funciona, un goberno transparente, dialogante e que sempre puxo os dereitos e os intereses da veciñanza por diante das siglas e dos intereses particulares”.

Para o BNG, “o pacto entre PP e PBBI contrasta radicalmente co acordo que asinamos no seu día BNG, PBBI e PSOE. Aquel foi un pacto público, transparente e leal. O que vemos agora é todo o contrario: un pacto escuro, tecido ás costas da cidadanía, que rompe compromisos asinados e que mesmo racha internamente o PBBI, pois só 4 dos seus 5 concelleiros o apoian. É o peor que se pode facer en política: faltar á palabra dada e traizoar aos veciños”.

Convidan tamén ao PP e ao PBBI a “explicar cal é o motivo real desta moción de censura, porque a cidadanía de Ribeira non merece que se antepoñan ambicións persoais nin que regresen as vellas formas de gobernar”.

Engaden que “non se pode esquecer que moitos dos que hoxe asinan esta moción recoñeceran no 2023 que sufriran presións e mesmo tentativas de suborno para impedir que chegáramos a un acordo co BNG, que cambiou agora para que se sumen a este movemento?”. Para a agrupación, a resposta a esta pregunta é evidente: unha operación orquestrada desde o Partido Popular, coa complicidade da Xunta de Galiza, “que leva tempo boicoteando o noso concello, primeiro foron os atrancos ás festas de Ribeira, logo o bloqueo á residencia pública de maiores, e tamén os recortes en servizos esenciais como sanidade e educación; todo isto formaba parte dunha estratexia para xustificar unha moción de censura que, lonxe de ser un acto democrático, é un ataque directo á vontade popular”, sinala o BNG, lembrando que “non se vai render” malia esta adversidade, “e que imos seguir traballando en positivo, defendendo os intereses xerais da xente e poñendo sempre por diante o ben común de Ribeira; porque a nosa veciñanza sabe que estivemos e estaremos sempre ao seu lado”.

Agradecen “o compromiso, a lealdade e a honestidade do grupo municipal do BNG, do concelleiro do PSOE e dos edís Juan Furones e Tania Redondo polo seu traballo, dando o mellor para acadar esa Ribeira en grande que quixemos construír e que se visibilizou durante estes dous anos de goberno”.

E conclúen: “Seguiremos defendendo o voso dereito a un concello gobernado con honestidade, responsabilidade e lealdade. E a quen pretende gobernar a través de traizóns e intereses persoais, advertímoslles: Ribeira non merece isto, e a veciñanza saberá xulgalo”.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.