O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle este outono-inverno a apertura da súa nova tempada de cine coa estrea da esperada película El cautivo, do director Alejandro Amenábar, recoñecido internacionalmente por filmes como Mar Adentro, baseada na vida do sonense Ramón Sampedro, ou Los Otros. As sesións programadas son o venres 3 de outubro ás 20:30 h, o sábado 4 de outubro ás 16:30 h e ás 20:30 h e o domingo 5 de outubro ás 18:00 h.
As entradas xa están á venda a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Situada no ano 1575, a película segue ao mozo soldado Miguel de Cervantes, capturado en alta mar e levado a Arxel como refén. Mentres busca a súa liberdade, atopa refuxio na súa paixón por contar historias e desenvolve unha complexa relación co temido Baxá de Arxel, Hasán. O filme conta cun destacado elenco, encabezado por Julio Peña no papel de Miguel de Cervantes, Alessandro Borghi como Hasán Bajá, acompañado de Miguel Rellán como Antonio de Sosa e Fernando Tejero como Juan Blanco de Paz.
A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala: “Estamos encantados de que o público de Muros poida gozar da nova película de Alejandro Amenábar no noso auditorio. É unha oportunidade única para comezar a temporada de cine cun filme histórico de gran calidade que combina emoción e intriga.”




