Quixen ver unha Galicia distinta e abofé que acadei a miña pretensión: vin unha Galicia moura, renegrida, queimada en sí mesma, na que ata os eucaliptos máis xigantescos estaban retorcidos por mor das inmensas lapas que queimaron -e doutra volta queiman- a nosa terra. Xa non hai xeito de distinguir as vellas cores das leiras prantadas dos montes espesos de arborado entre o que sempre se distingue o poderoso eucalipto: todo é negro, ata as casas afogadas polo fume.
O cambio climático que moitos non queren recoñecer modifica toda a configuración do noso País e este arde e volve arder sen solución de continuidade. Mesmo semella arder un mar que sempre foi frío na costa galega. Galicia é a que arde mentres os galegos imos á percura dos que a queiman, como se o lume fose sempre provocado alén o destino que no impón ese proceso no que o planeta Terra está inmerso.
Certamente Galicia xa non é aquela terra verde á que cantaron os nosos devanceiros. O único que non é negro son os poeirentos camiños de carro que os tractores ensancharon coas súas poderosas rodas. Son o negro dos montes e o branco das cinzas os que configuran este vello país de anterga hjstoria agora convertido nunha bandeira bicolor que non cadra co seu ser, coa súa esencia. Porque Galicia foi eminentemente verde e xa non o é, como se evidencia máis nada sair das vilas e cjdades ou contemplar dende o mar a liña de costa na que os muiños de vento manteñen o xirar e xirar que impón o aire.
Non é, non, a Galicia, que coñecemos na nosa nenez de prebummers. A Galicia dos mil ríos que debuxou o xornalista, escritor e poeta coruñés Manue Rivas á que moito antes cantaran Rosalía, Curros, Pondal e tantos outros que, a tal hora, agocharían a arpa para deixar que a arpa chore.



