A Deputación brinda o seu apoio á Asociación Saúde Mental A Creba para a reforma do seu local en Noia

26 Setembro 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este venres 26 de setembro unha visita institucional a Noia durante a que tratou co alcalde, Francisco Pérez Caamaño, diversos temas de interese para a localidade. Tras manter unha reunión no Concello e encontrarse con concelleiros e portavoces municipais, ambos trasladáronse ao local que a Asociación Saúde Mental A Creba está reformando para que acolla as súas novas instalacións, na rúa Virxe de Loreto, e a continuación, desprazáronse ata Barro, onde a Deputación, a través do Plan Único financiou unha actuación de mellora da seguridade viaria.

Formoso adiantou que o alcalde e máis el analizaron, a maiores, unha serie de actuacións en diversas infraestruturas que, a petición do rexedor, “iranse acometendo entre este ano e o que vén”. Asegurou que o esforzo da Deputación en investimentos en Noia “é elevadísimo desde sempre e vaino seguir sendo”.

Pérez Caamaño agradeceulle ao presidente esa colaboración, cunha achega de “practicamente un millón de euros ao ano” a través do Plan Único. “En moitos casos sobrepasa os investimentos da Xunta”, lembrou. “Sen ela, teriamos moi complicado poder atender servizos imprescindibles para a cidadanía e crear infraestruturas”, engadiu.

Valentín González Formoso e Francisco Pérez Caamaño visitaron o futuro local da Creba na compaña da deputada provincial de Política Social, Mar García, e do presidente da entidade, José Ramón Girón. Este explicoulles os pormenores do proxecto, que consiste na reforma integral dun antigo establecemento comercial para convertelo en centro de rehabilitación psicosocial e laboral. Estará destinado á atención e acompañamento de persoas con problemas de saúde mental.

O presidente da Deputación valorou que o apoio da institución provincial a esta actuación contribúe a “facer realidade” unha vella aspiración da entidade. Tamén destacou que “se trata dunha iniciativa aliñada coas prioridades da institución provincial en materia de política social, igualdade de oportunidades e calidade de vida dos colectivos máis vulnerábeis”.

A achega, que a Deputación xa está tramitando, ascende a 200.000 euros.

Segundo explicaron, “o centro será o único das súas características na comarca, polo que constitúe un recurso estratéxico para dar resposta a unha necesidade social e sanitaria de primeira orde”.

Entre as actuacións previstas encóntranse a construción de novas divisións, o illamento do inmóbel e a execución de instalacións e o equipamento. Habilitaranse espazos para obradoiros, salas de atención específicas e consultas psicolóxicas, ademais de zonas de administración e dirección. O novo local, cunha superficie total de 1.476,5 metros cadrados, disporá tamén de recepción, tenda, arquivo, almacén e aseos.

As instalacións darán cobertura ás comarcas de Noia e o Barbanza na prestación de atención tanto a persoas usuarias como a familias. Nelas ofreceranse obradoiros de capacitación para favorecer a reinserción sociolaboral e prestará atención psicolóxica especializada en espazos adaptados para a intervención terapéutica individual e grupal. A súa localización, nunha zona céntrica da vila, favorecerá a integración das persoas usuarias na vida comunitaria.

Dentro da súa visita institucional a Noia, Valentin González Formoso tamén tivo oportunidade de comprobar xunto ao alcalde o resultado das obras de mellora que o Concello acometeu, con cargo ao POS+2024, no treito de estrada comprendido entre o cruce de Barro e o cruceiro do mesmo lugar. A Deputación financiou na súa totalidade esa actuación, cuxo orzamento ascendeu a 221.497,97 euros.

Os traballos consistiron na renovación completa do pavimento da rúa, incluídas as beirarrúas. A nova capa de rodaxe executouse cunha mestura bituminosa de 6 centímetros de espesor e eleváronse catro pasos de peóns, que contan con pavimento táctil direccional e botóns. As novas beirarrúas dispoñen dun acabado de formigón pulido. Baixo elas canalizáronse as augas pluviais e soterrouse a instalación da iluminación pública. As obras incluíron tamén a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.

Durante os últimos dez anos, as achegas da Deputación a Noia ascenderon a 17.334.710,77 euros, e facilitaron a creación de 142 postos de traballo. Desa cantidade, 8.238.625,56 euros corresponden ao Plan Único, a través do que se destinaron 4.131.720,24 euros a investimento e 4.106.905,32 a gasto. Nese período, financiáronse 36 obras con cargo aos plans provinciais.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.