Valentín Formoso visita Porto do Son e destaca os 16 millóns investidos no concello na última década

13 Agosto 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitaron este 13 de agosto o concello de Porto do Son, onde foron recibidos polo alcalde, Luis Oujo, e polos portavoces municipais do PSOE, Jorge Romero, e do BNG, José Balbino González. O presidente provincial destacou que o organismo que preside acumula un investimento de máis de 16 millóns de euros no municipio na última década, dos que 9,2 millóns corresponden a investimentos do Plan Único (POS+), a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos e unha das máis potentes de Galicia para o financiamento de obras e servizos municipais.

“O Plan Único é o mellor exemplo de como unha administración próxima como a Deputación pode contribuír de forma directa a mellorar a calidade de vida da veciñanza”, subliñou Formoso, lembrando que este instrumento permite aos concellos decidir libremente en que investir os fondos, segundo as súas necesidades e prioridades.

O presidente provincial destacou o papel da institución que preside como “axente dinamizador de toda a socioeconomía local” en todos os eidos, como poden ser as infraestruturas (de aí que comprobasen, este 13 de agosto, a renovación do céspede do Campo de Fútbol Municipal) a cultura, a creación de emprego ou a asistencia xeral.

Pola súa banda, o alcalde, Luis Oujo, agradeceu a visita institucional para “poder coñecer de primeira man as obras que se están a facer en Porto do Son”. Ademais, mantivo unha reunión con Formoso nos que analizaron proxectos conxuntos de presente e futuro.

No caso de Porto do Son, os 9,2 millóns do POS+ permitiron aprobar 66 obras nos últimos anos, centradas na mellora de infraestruturas básicas como redes de saneamento e abastecemento de auga; a construción de beirarrúas en núcleos como Coira, Freixedo, Eiravedra e O Pozo; ou a humanización de espazos públicos como o Calexón Outonil.

Renovación do campo de fútbol Emilio García

As obras aprobadas abranguen melloras en infraestruturas educativas, culturais e deportivas, entre elas a renovación das ventás da Escola Infantil de Caamaño, a mellora da Casa da Cultura de Queiruga ou a renovación do céspede artificial do Campo de Fútbol Emilio García. Esta última obra, cun investimento de 191.000 euros, está xa rematada e, segundo lembraron o presidente provincial e o alcalde, “consistiu na substitución do terreo de xogo, instalado en 2008, por un novo de herba artificial de última xeración, que permitirá un uso máis intensivo e cómodo para adestramentos e partidos”. O presidente visitou a instalación acompañado polo vicepresidente do club Porto do Son, José Francisco Quintáns, quen agradeceu a axuda da Deputación e o Concello na renovación dun céspede no que adestran máis de 20 equipos entre os do Porto do Son e de Noia. Formoso destacou que o obxectivo é “axudar aos equipos que promoven o fútbol base e axudan a que os nenos e nenas poidan realizar actividades deportivas”. O presidente da Deputación lembrou o “investimento importante” que supón esta obra; mentres que o alcalde subliñou que este campo de fútbol incluíuse no POS+ 2023 para dar resposta ás demandas da veciñanza e que “sen o apoio da Deputación, efectuar esta renovación sería imposíbel”.

Formoso lembrou que o POS+2025 alcanzou este ano un investimento récord de 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia, dos que Porto do Son recibe máis de 1,5 millóns, “cifra que podería incrementarse no outono con novas achegas adicionais, superando os 120 millóns de euros en total”, sinalou Formoso, engadindo que entre as obras aprobadas para este ano no municipio destacan as de saneamento e depuración de augas en Carantoña, Foloña, Soanes, Parada e Lavandeira, cun investimento conxunto superior aos 577.000 euros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

A la luz de lo que se escucha estos días a nuestro alrededor, he estado dudando en mantener ese título en mi artículo, o sustituirlo por otro como que “El poder corrompe”. Existen dichos que hemos recibido de nuestros antepasados, y que no podemos aplicarlos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.