Titiriberia acolle este xoves 14 a estrea da nova obra de Trécola e o espectáculo de variedades “As varietés de Barriga Verde”

13 Agosto 2025

O festival de monicreques tradicionais Titiriberia, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebra en Rianxo a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto. Este ano, o programa inclúe unha trintena de espectáculos da man de 19 compañías procedentes de Galicia, Portugal, Euskadi, Navarra, Aragón e Valencia. O programa para este xoves 14 de agosto inclúe cinco espectáculos e unha palestra.

A actividade comezará ás 11 horas no Parque de Santa Lucía, en Asados. Neste espazo, Trécola estreará a súa nova obra: Pituquito Literal. Trátase dunha peza de títere tradicional de cachaporra protagonizada por Pituquito, un rapaciño novo que goza do parque, dos amigos, da “pituquita”… mentres loita desde a súa inocencia contra unha chea de inxustizas que vai atopando no camiño. 

Ás 13.00 horas, a praia de Tanxil recibirá a Dona Barriga Verde, montaxe de Larraitz Producións Artísticas. A compañía subverte o títere de cachaporra propoñendo, de xeito pioneiro, unha versión feminina da protagonista. Os conflitos de xénero cobran relevancia nunha montaxe que mantén a esencia dos números clásicos. Dona Barriga Verde é unha pícara, cantareira e pandeireteira que armada de enxeño desafía as dificultades cotiás encarando as situación sen filtros, vence o medo e as inxustizas defendendo a súa integridade e o seu amor propio fronte aos monstros, ao amor, á morte e ate ao mesmísimo demo.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, no Auditorio, celebrarase a palestra O cego dos Monifates. Anxo García e Comba Campoi falarannos sobre o tradicional xeito de contar historias con monifates que tiñan os cegos que percorrían noutros tempos as feiras en aldeas e vilas.

O Campo de Arriba recibirá pola tarde noite a un clásico do teatro de monicreques galegos: Tanxarina. A histórica compañía ofrecerá dúas funcións (ás 19.00 e as 21.00) no Campo de Arriba da súa obra Trogloditas. Nesta peza, tres trogloditas invítannos a entrar no primeiro teatro da prehistoria: a cova, onde imos asistir a un cómico espectáculo cheo de humor e tolería. Unha insólita función onde da man dos monicreques e das súas habilidades máis primitivas, imos coñecer a forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos.

Tamén no Campo de Arriba, entre as 19.00 e as 21.00 horas, tres compañías galegas achégannos ao teatro máis pequeno do mundo, as caixiñas Lambe Lambe, que acollen unicamente un ou dous espectadores de cada vez para ver micro espectáculos. Os Monicreques de Kukas combinan a maxia dos monicreques con mensaxes a prol da paz e do medio ambiente en SOS Emerxencia ambiental e Gernika. Laboratorio Fantoche amósanos en A bailarina a beleza na arte e na natureza, e como as historias nos transforman cando miramos a través dela. Memoria Material de Diáspora Teatro invita o público a partir de 9 anos a explorar a relación íntima entre os obxectos e as lembranzas que atesouran.

Xa para rematar esta intensa xornada, Titiriberia estreará ás 22.00 horas no Campo de Arriba unha nova edición de As Varietés do Barriga Verde. Este espectáculo de variedades tradicional que cada ano produce o festival pretende reproducir, desde unha perspectiva actual, os números que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Para a montaxe cóntase con profesionais con ampla experiencia, así como con novas compañías no ámbito dos monicreques. Nesta ocasión, Raquel López Cendán fará de fío condutor ás compañías Red Cloud Marionetas, Santi Prego, Trécola Producións, entre outras acompañadas pola música do cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.