O Concello de Ribeira fixo este venres un chamamento á veciñanza para manter un consumo responsable da auga, especialmente durante o verán, cando o consumo se duplica con respecto ao inverno. Na rolda de prensa participaron a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, e o xefe de servizo de Viaqua, Daniel Tubío.

A concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, agradeceu a colaboración da cidadanía e pediu manter pequenas rutinas que axudan a reducir o consumo: duchas máis curtas, pechar as billas cando non se usan, evitar mangueiras para regar ou lavar coches, arranxar fugas, regar en horas de menor evaporación e reutilizar a auga sempre que sexa posible. Redondo advertiu que Ribeira é o último municipio en recibir subministro dentro da rede de Padrón, polo que “un hipotético escenario de incendios noutros puntos podería deixarnos sen auga durante un tempo”.
Pola súa parte, Daniel Tubío, de Viaqua, destacou que o verán supón un reto para o abastecemento: “Os recursos son limitados e as tubaxes son as mesmas todo o ano, o que provoca avarías e problemas puntuais”. Sinalou que se están a aplicar medidas extraordinarias como o seguimento en tempo real do consumo, unha campaña especial de detección de fugas e accións conxuntas co Concello, entre elas a redución dos baldeos nas rúas, maior control nas duchas das praias e o corte de regos municipais.
Suárez-Puerta puxo en valor o esforzo cidadán pero advertiu que o incremento do turismo tamén supón unha presión extra sobre o sistema: “Estamos encantados de recibir visitantes, mais hai consecuencias que temos que afrontar”.
Finalmente, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, recalcou que se trata de medidas preventivas que, aínda que ás veces difíciles de cumprir, son necesarias para garantir o abastecemento. “O esforzo conxunto de veciñanza, administración e empresa xestora está a dar froitos, e debemos seguir nesta liña”, concluíu.



