Juan José Esperón Recarei é autor de varias monografías sobre o patrimonio etnográfico de
Cerponzóns, a súa parroquia natal. Puxo tanto empeño no inventario do legado material e
inmaterial dos seus devanceiros que hoxe, por dereito propio,é o cronista oficial da parroquia.
Podemos afirmar que o seu afán restaurador é decisivo na recuperación da identidade cultural do
territorio.
Coñecedor da filosofía que anima a iniciativa “En galego,agora e sempre” recollidos do poema de
Ramón Cabanillas ( “Galicia! Nai e Señora,/ sempre agarimosa e forte;/ preto e lonxe; onte,
agora,/ mañán… na vida e na morte”) son o fundamento desta tarefa restauradora. Esperón asiste
a todas as convocatorias que celebramos para rehabilitar a anomalía cultural de enterrar aos
nosos defuntos con lápidas escritas nun idioma que nunca falaron en vida; coincidimos en Soutelo
de Montes cando substituímos a lápida do afamado gaiteiro Avelino Cachafeiro por outra en
galego cun epitafio ben acaido ilustrado cun dubuxo que Castelao fixera do gaiteiro;
acompañounos tamén nos actos celebrados nas parroquias de Lira (Salvaterra de Miño), Amoedo
(Pazos de Borbén), Sanguiñeda (Mos) e Lérez( Pontevedra).
O próximo día 31 na igrexa parroquial de San Vicente de Cerponzóns celebraremos outro Día da
Restauración da Memoria Lingüística, substituíndo tres lápidas en castelán por outras en galego
pertencentes aos dos seus pais, Carmen Recarei Cochón e Juan Esperon Moldes, e a dos seus
avós maternos, Jesús Recarei Loureiro e Ramona Cochón Ramos. Unha saga familiar ben
coñecida na parroquia aos que os actuais moradores lles deben a transmisión oral da nosa lingua,
e moitos relatos referidos ás tradicións da contorna.
Na porta do cemiterio quedará como recordatorio unha placa que reza asi: “ Na memoria de todas
as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”,
custeada polo Concello de Pontevedra.
Para facermos copartícipes desta nosa filosofía rehabilitadora a todos os que acudan á
convocatoria, repartiráselle un modelo de “Acta de Vontades” coa finalidade de que a manda
escrita das persoas que as asinen obrigue aos familiares a cumprilas e organicen en lingua
galega todo os actos fúnebres (esquelas, lápidas, litúrxia,etc.)
Participarán con cadansúa quenda de palabra Juan Laureano Perdiz, da empresa funeraria San
Marcos; don Luís Seoane Ares, Vicario Episcopal Territorial de Pontevedra; don Ángel González
Solla, en representación da Alianza Evanxélica Española; don David Costa Piñó, forense e
subdirector do IMELGA en Pontevedra; a edil do Concello de Pontevedra, dona María Xosé
Abilleira, amais da asociación “O Chedeiro” da que é secretario Esperón. Todos eles asinarán
unha declaración de compromiso coa lingua galega nos respectivos ámbitos relacionados coa
morte. Actuarán como notarios de excepción da sinatura da “Declaración de Cerponzóns” dona
Carme Pose, maxistrada do Tribunal de Instancia de Ordes, e o presidente da Sección 2ª da
Audiencia Provincial de Pontevedra don Xosé Xoán Barreiro Prado.
Tamén terán cadansúa intervención don Xoaquín Monteagudo, presidente da Asociación de
Funcionarios para a Normalización Lingüística e don Valentín García, Secretario Xeral da Lingua
da Xunta de Galicia.
O comezo do acto será anunciado polo campaneiro da parroquia, Juan Losada, que tocará uns
repeniques propios para chamar á participación na festa. E como a música forma parque da
cultura de Cerponzóns, amenizarán o acto o grupo de música tradicional “Os de Algúres” de
recoñecido prestixio na meritoria tarefa de recuperación do noso folclore.
Estamos convencidos de que a “parroquia dos mortos” debe reflectir nas súas lápidas a lingua
maioritaria da “parroquia dos vivos”. Harmonizar eses dous espazos é unha maneira de
mantermos a cohesión lingüistica do territorio onde a floresta, camiños, regatos, fragas, soutos,
carballeiras, muiños, lendas, cancioneiro…absolutamente todo ten nomes galegos de seu como
nolos describe Esperón no seu libro “Patrimonio Etnográfico de Cerponzóns”. A comunidade
humana, o territorio e o patrimonio, material e inmaterial, deben estar unidos pola lingua que os
vertebrou e definíu. Dar por boa as anomalias, seguilas practicando, e non restauralas, como é o
caso das lápidas, é unha manifestación propia de almas rendidas que claudican ante a imposición
doutra lingua distinta da nosa, que destrúe a nosa identidade, desfigurándoa aos ollos das
persoas que visitan os cemiterios. Cada persoa que morre leva consigo unha memoria de
incalculable valor cultural que nos pertence.
Unha vez máis invocamos o “R” que define a nosa inicitiva: regaleguizar, reconstruir, restaurar,
rehabilitar, rememorar.
- Presidente do Foro E. Peinador.



