Este venres 8 de agosto a veciñanza de Boiro e o Concello van render homenaxe, en punta do Chazo ás 20.00 horas, aos heroes do racú local que auxiliaron en 1958 aos náufragos do mercante Cabo Razo.
Será un acto conmemorativo na memoria o naufraxio dun mercante na punta do Chazo en 1958.
Na madrugada do luns 4 de agosto de 1958 uns veciños de Cabo de Cruz traballaban a bordo dunha embarcación de pesca que faenaba na procura de xurelos ou buraces á altura na Illa da Bensa, fronte á praia de Carragueiros cando escoitaron gritos dende o medio da ría. Un gran mercante de 6000 toneladas e 98 metros de eslora con 44 persoas a bordo procedente de Vilagarcía (o Cabo Razo) chocara contra un penedo chamado A Barsa.
Os dous homes e os tres rapaces que ían a bordo do racú San Antonio foron quen de auxiliar a 11 persoas e dar a voz de alarma. Na memoria dos falecidos no mar e en homenaxe a aqueles heroes o Concello de Boiro terá este acto conmemorativo este 8 de agosto.
A historia ao completo podémola consultar na web Galizeando, con fotos dos buques implicados como a que reproducimos aquí.




