Aguiño servirá a mellor navalla de Galicia na súa festa gastronómica o 10 de agosto

08 Agosto 2025

Aguiño volverá converterse nun referente gastronómico coa celebración da IX Festa da Navalla, que terá lugar este domingo 10 de agosto, a partir das 12:00 horas no Porto de Aguiño. A cita foi presentada hoxe polos concelleiros de Turismo, Francisco Suárez-Puerta, e do Mar, Fernando Abraldes, xunto co presidente da Comisión de Festas de Aguiño, Julio Abraldes.

O concelleiro de Turismo destacou a consolidación do evento:

“Xa é unha festa que está consolidada, e esperemos que pouco a pouco vaia alcanzando o nivel da Festa do Percebe”, declarou Suárez-Puerta, quen animou a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha experiencia gastronómica de primeiro nivel.

Pola súa parte, Julio Abraldes, presidente da comisión organizadora, agradeceu o apoio das concellerías de Turismo e Mar, así como a colaboración da Cofradía de Pescadores de Carreira e Aguiño, que cede as instalacións do pósito para o desenvolvemento da festa. Tamén quixo poñer en valor o traballo dos navalleiros, que sairán ao mar o venres 8 de agosto para recoller en exclusiva o produto para a festa, ofrecéndoo, ademais, a un prezo especial.

A oferta gastronómica estará encabezada polas navallas, cun prezo de 13 euros por ración, con entre 12 e 13 unidades segundo o tamaño. Tamén se servirán sardiñas asadas, e o evento contará con música en directo e mesmo, segundo avanzou Julio Abraldes, podería celebrarse unha voda na propia carpa da festa.

450 quilos da mellor navalla de Galicia

O concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, informou que se prevé a recollida de arredor de 450 quilos de navalla, extraídos na praia de Castro-Catía, e subliñou o esforzo dos profesionais por manter prezos populares, tendo en conta que a navalla se cotiza actualmente a 22 euros o quilo no mercado. Así mesmo, anunciou unha achega de 4.000 euros da Concellería do Mar para colaborar co evento.

Os fondos recadados coa festa destinaranse á organización das festas do Carme de Aguiño do próximo ano, mantendo así o espírito colaborativo e festivo da comunidade.

Outros artigos

Alerta laranxa o sábado con risco de treboadas sobre todo no interior

Activada este sábado a alerta laranxa ante a previsión de intensas tormentas e precipitacións que afectarán principalmente ao noroeste e ao interior da provincia da Coruña. Segundo os datos facilitados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o aviso activarase a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.