
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) inaugurará a súa campaña máis ambiciosa, Boiro, Compras con Corazón, cunha xornada inaugural “chea de actividade, música e sabor” prevista para o vindeiro sábado 16 de agosto.
A mañá comezará cunha sesión vermú diante do mercado municipal, onde o grupo Cachas and Cousins porá o ritmo cun concerto en directo. “O bo ambiente estará asegurado para abrir a campaña coa forza que merece”, sinalou a ABE, engadindo que ao mesmo tempo, poderase gozar dunha degustación de tres pratos con mexillón, elaborados en directo polo chef Miguel Mosteiro, nunha acción programada en colaboración coa Exaltación do Mexillón de Boiro (para acceder á degustación será necesario presentar os Vales Corazón, que se poderán conseguir a partir do martes 12 de agosto en calquera dos negocios asociados á ABE).
Pola tarde, a actividade trasládase á praza do Concello, que acollerá un parque de inchábeis acuáticos, tamén exclusivo para quen dispoña dos Vales Corazón.
Ese día tamén estará activo o punto de información da campaña, onde os clientes poderán cambiar os primeiros tíckets por rifas para o sorteos presencial de 5.000€ co que se pecha a campaña e as 1.000 primeiras persoas, levarán unha bolsa exclusiva da campaña totalmente de agasallo!
O presidente da ABE, Daniel García, destacou: “Queremos que os veciños e visitantes vivan esta campaña como unha festa do comercio local. A primeira xornada é unha mostra do que Boiro pode ofrecer cando as empresas e a sociedade se implican xuntas. Música, gastronomía e lecer con corazón, todo grazas aos nosos negocios”.
Os Vales Corazón, necesarios para acceder ás actividades especiais da campaña, estarán dispoñíbeis desde o martes 12 nos máis de 200 establecementos asociados á ABE, tanto de comercio como doutros sectores.
Toda a información poderá consultarse en www.abe.gal e nas redes sociais da entidade.
A iniciativa de promoción comercial e cultural Boiro, Compras con Corazón está organizada pola Asociación Boirense de Empresas, co-financiada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Boiro. O CCA de Boiro é un dos 5 proxectos premiados na campaña de dinamización extraordinaria da Xunta de Galicia 2025.



