A praza do Concello de Ribeira acolleu o acto inaugural das Festas do Verán, que deron comezo cun pregón memorable a cargo do artista ribeirense Toñito de Poi. Acompañado por unha multitude entregada, o pregoeiro fixo un chamamento ao cariño, á memoria e ao sentido da comunidade, mesturando humor, lembranzas persoais e amor pola vila que o viu medrar.

Toñito fixo un discurso co mesmo espírito co que leva décadas subido aos escenarios: autenticidade, retranca e corazón. Relatou como atopou inspiración para o pregón no camiño a Ribeira, ao cruzar a Ponte Maceira, e como foi unha nena de cinco anos, Martina, foi quen lle deu un consello moi valioso: “Poñerlle cariño”. Iso foi o que fixo e Ribeira correspondeulle cunha forte ovación.
Nun pregón cheo de metáforas e emoción, Toñito identificou a cada ribeirense como unha pinga de auga que, unida ás demais, forma o mar. Un mar de xente que é a verdadeira riqueza da vila. Tamén compartiu vivencias que fixeron rir e emocionar ao público, como aquelas visitas ao mercado semanal, baixar a Ribeira vestido “de dominco”, ou as noites adolescentes na mítica discoteca Totem, entre bailes e amores. O músico reivindicou que a felicidade, como a festa, está feita de cousas pequenas pero verdadeiras, e lembrou que as festas coinciden co Día Mundial da Amizade, un feito que, segundo dixo, encaixa perfectamente co espírito que se quixo transmitir este ano.
Antes del, tomou a palabra o alcalde de Ribeira, quen quixo poñer en valor o traballo realizado para sacar adiante unhas festas que, en palabras súas, “hai pouco parecían imposibles”. Agradeceu de xeito especial ao equipo de goberno e ao persoal técnico do Concello, que traballou sen descanso para que a celebración poida ter lugar, como sempre, “onde sempre”, malia as dificultades atopadas no camiño.

No seu discurso, o alcalde fixo tamén unha firme defensa da identidade mariñeira da vila, do seu patrimonio natural e, sobre todo, da súa xente. Reivindicou o talento local e a importancia de recoñecer aquelas persoas da casa que levan o nome de Ribeira por todo o mundo. E subliñou a vontade de facer unhas festas pensadas para todas e para todos, coas que a vila avanza en inclusión e accesibilidade, incluíndo medidas como as franxas horarias sen ruído para que tamén os nenos e nenas con autismo poidan participar con tranquilidade.
O acto pechouse cun aplauso prolongado a Toñito de Poi, que foi presentado polo alcalde como “alguén que representa o espírito destas festas: a alegría, a identidade, a loita e o agarimo pola nosa terra. Alguén que é música, é teatro, é cultura, é ribeirense e é galego ata a medula.”
As Festas do Verán de Ribeira xa están en marcha. Serán días para gozar, compartir e lembrar que, como dixo o propio pregoeiro, “se o facemos xuntos e con cariño, todo sae mellor”.

PREGÓN FESTAS RIBEIRA 2025.Toñito de Poi
Viña de camiño e parei en Pontemaceira ó pe do río para escribir o pregón, obviamente non sabía nin por onde empezar, un pregón na miña terra, que compromiso…
Unha nena duns 5 anos corría entre as mesas da terraza, Martina, e preguntoume que facía:
Estou tentando escribir un pregón.
Ah! Eu fixen un pregón na escola.
En serio? Pois non sei nin por onde empezar. Como o fixeches?
Con cariño. Dixo a mestra que o fixera con cariño, así saía ben.
Foi dios!
Cando vos pregunten, que tal o pregón? Decide: O rapás non é moi espabilado, pero o pregón tiña cariño.
Ben, aquí vai o pregón:
Estamos moi agradecidos de que nos acompañedes no corazón de Ribeira, porque esta praza é o corazón da nosa terra… e se me permitides, do noso mar. Ribeira é mar. O mar é riquesa. Con cartos podes mercar unha casa, pero non podes mercar un fogar, o fogar contrúese con cariño.
É fásil confundir riquesa con cartos, os cartos fan falta para que non fagan falta. A riquesa é estar xuntos hoxe aquí en amor e compañía.
Cando era neno, para vir a Ribeira vestíannos de dominco (en Castiñeiras desimos dominco)
Para min era como ir a NY, había moitos edificios, falábase outro idioma… jejeje
Teño que recoñecer que cando íamos ó Porto (para nós Ribeira é o Porto) non me gustaba nada. Miña nai, sen cortarse un mínimo, poñíame en calsonsillos no medio da plasa, diante de todo o mundo e a probar pantalóns no mercadillo. Un trauma.
Si, voso pregoeiro, ó que tedes en tal alta estima, estivo nesta praza en calsonsillos… e sen calsonsillos na festa da Dorna.
De adolescente ía a Totem, sesión infantil, 25O pesetas. O primeiro día estaba tan retraído que pasei as 4 horas sentado na sala de vídeo mirando Pumuki, despois xa pasaba as 4h morreando. Aí empesei a disfrutar do sabor de Ribeira.
Como vedes, polo mesmo prezo podes ser felis ou desgraciado.
Mirade como non hai casualidades, que hoxe é o día mundial da amizade. Foi cousa dun médico militar hai 50 anos. Non entendía como uns nacen para curar e outros para ferir, entón imaxinou o día en que todos fóramos amigos; e xusto neste día estamos inaugurando as festas de Ribeira 2025, que curiosamente teñen como único obxetivo ensalzar a amizade.
As festas fanse para eso, para honrar o cariño entre nós.
Non é fácil ser feliz, seino, pero o problema de non saber vivir é que amargas ós demáis. Ata por educación había que ser feliz.
Nas festas temos que ter a xenerosidade de pasear con brillo nos ollos, para que os nenos vexan que están flotando nun mar de alegría. Somos como unha gota de auga, que unida polo cariño, fai o mar de Ribeira, a verdadeira riquesa.
Aquí hai xente que traballou moito para estas festas, díxome Irene que a Fran case lle da un derrame cerebral, por iso quero que agradezcamos cun forte aplauso, non só a esta concellería de festexos, con Fran Suárez á cabeza, a Dani, o presidente da comisión de Festas, ó alcalde Luís Pérez, ó teniente alcalde Vicente Mariño e da primeira ó último que traballan no Concello
Tamén resaltar a empatía de toda a veciñanza que convide están semana entre tómbolas e cochitos de choque.
E por último quero que este aplauso agradezca ós que estiveron antes levantado estas festas, porque sen eles non estaríamos aquí. Polos que están, estiveron e estarán, un forte aplauso.
Quedan inauguradas as festas de Ribeira2025




