O Campionato Galego de Wingfoil debuta con éxito e espectaculares imaxes na Ría de Muros e Noia

05 Xullo 2025

Coma se de inventos futuristas que se deslizan pola auga se tratase, o Campionato Galego de Wingfoil arrancou cunha primeira xornada chea de cor, velocidade e espectáculo na Ría de Muros e Noia. A cita, organizada polo Real Club Náutico de Portosín por delegación da Real Federación Galega de Vela, reuniu a máis de trinta deportistas na praia de Aguieira, elixida como base loxística pola súa accesibilidade e condicións favorables.

Foto Juan Caballero

Co vento do norte soprando de maneira estable entre 14 e 16 nós, o Comité puido validar sen problemas as cinco mangas previstas, aplicando o descarte do peor resultado, o que deixou moi bo sabor de boca tanto aos participantes como á organización. A falta de só tres probas para completar o calendario, o campionato xa se pode considerar un éxito organizativo e deportivo.

O circuíto, de 2 millas náuticas, incluía saídas, longos, través e popas, e os mellores wingfoilers completárono en apenas 8 minutos, amosando o alto nivel da competición.

Encabeza a clasificación o ucraíno afincado na Coruña Platon Kuzmenko, con tres vitorias, un segundo posto e un cuarto como descarte. Séguelle moi de preto o seu pai, Anton Kuzmenko, tamén baixo licenza do club coruñés, con 8 puntos totais. A terceira posición compártena Nicolás Blanco (Club Náutico Castrelo de Miño) e Tomás Vieito (Real Club Náutico Rodeira de Cangas), ambos con 17 puntos. En quinta posición sitúase o regatista olímpico Iago López Marra, representando ao club anfitrión, cun punto máis.

A competición continuará este domingo, cunha saída adiantada para aproveitar as mellores condicións de vento pola mañá. A entrega de premios celebrarase ás 14:00 horas, pechando así esta pioneira edición do Campionato Galego de Wingfoil, que deixou imaxinativas estampas visuais e excelentes sensacións no seu debut en Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.