O vindeiro 9 de agosto, sábado, celebrarase a nova edición da feira de vinilos de Ribeira, Xiradiscos, e farao cos ingredientes xa coñecidos das anteriores convocatorias (venda de discos, concertos, etc) e algunha outra novidade importante de forma e de contido.

Unha vez máis, Xiradiscos terá lugar na praza da Porta do Sol. Entre as grandes novidades figura un cambio de formato cara ao concepto de mercadiño cultural, apostando pola confluencia entre diversos ámbitos creativos. A falta de poder confirmar datos definitivos, dende a organización avanzan que se contará coa presenza duns 13 postos de venda de material cultural (non só discos de vinilo, coas tradicionais cubetas de venda de produtos editados e de distribución enchendo os recunchos da praza).
Cómpre visitar as redes e nomeadamente o Instagram de Xiradiscos para irmos dando conta das novidades do programa.
Entre os postos artesáns galegos e selos discográficos cos que se contarán atópanse O Covil da Loba (Ferrol), Mar de Ranitas (Ribeira), Chatarra Loca (Vigo), Estilo Puratití, Planetafor (Boiro) Gulpilluri, Nené Son, Etal equal (Ribeira), Narci Rodríguez, Rumble Récords (Betanzos), Rock This Town (Tui) e Radix Récords (Ribeira), coorganizadores de Xiradiscos.
No capítulo de concertos, haberá sesións vermú con Nan Illonia (cantautor de Ribeira) e Pablo Leira (músico de claras influencias americanas de Ponteareas) e concertos nocturnos con Tesouro (power pop de Ourense) e Superfuzz (rock da Coruña).
Organizan Smart Studio e Radix Récords coa colaboración do Concello de Ribeira.



