
Este venres, 11 de xullo, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañaron aos activistas medioambientais da asociación da nosa comarca Amicos para tomar parte nalgúns dos proxectos de coidado de mares que impulsa a entidade inclusiva. Durante a mañá participaron en accións de clasificación de residuos e restauración de fondos mariños, acompañadas tamén pola presidenta da asociación, Esther Vidal, o director xeral da mesma, Xoán España, e varios membros da familia de Amicos.
A xornada comezou no Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro, onde tanto García como Abeijón visitaron aos usuarios e usuarias e coñeceron de primeira man as distintas formacións nas que participan as/os activistas medioambientais da entidade.
Andrea Vázquez, profesora do DUAL Natura de Amicos explicou precisamente as tarefas que realizan: “Nesta formación dedicámonos a traballos mediombientais e de coidado dos mares. Somos axentes Así, facemos moitas recollidas de lixo e formación mariña ademais de reinserir especies en perigo de extinción. Levamos reinseridas 456 gorgonias, 1100 unidades de zostera e case 900 soportes de laminarias”.
Mentres Zoraida Castro, alumna do DUAL Natura de Amicos e axente medioambiental, detallou o proceso de recuperación das gorgonias: “Os mariñeiros traen os corais que quedan enganchados nas súas redes, nós pegamos eses corais á pedra e logo de permanecer no estanque do Hospital de corais na Lonxa de Ribeira, sóltanse ao mar”.

De seguido, achegáronse ao Laboratorio de Algas, onde os e as activistas medioambientais da entidade, persoas con discapacidade intelectual especializadas nesta temática, mostráronlles o traballo que se fai na recuperación dos bosques de kelp e dos prados de zoostera. Así, no laboratorio viron o traballo que desenvolve o equipo dende a fase reprodutiva das laminarias, que se cultivan en tanques especiais ata estar listas para volver ao mar. Despois de moitos coidados e unha intensa monitoraxe do seu crecemento, as algas aférranse as pedras que as acompañarán no seu regreso ao mar. A continuación, a conselleira e a directora xeral desprazáronse a Aguiño para participar nunha acción de clasificación de residuos mariños con varios buzos da confraría da zona. Ata alí tamén se achegou o concelleiro do Mar do Concello de Ribeira, Fernando Abraldes. Trala actividade, chegou o momento de embarcarse para colaborar na inserción de laminarias no Parque Nacional das Illas Atlánticas, nos arredores da illa de Sálvora.
De seguido, o grupo púxose en marcha cara a illa de Ons. Alí, os axentes de Amicos explicáronlles o proceso de recuperación e plantación da zostera, unha planta acuática
coñecida como o cereal mariño.
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou:“Para min é un auténtico pracer volver estar aquí, xunto coa directora xeral de Persoas con Discapacidade, e poder conversar e ver o que fan todos os usuarios desta gran familia de Amicos. Esta vez quixemos tamén coñecer a nova residencia, que vimos de financiar desde a Xunta de Galicia cun presuposto de 1,2 millóns de euros para seguir pondo en valor esas prazas públicas neste centro. Tamén comprobamos de primeira man o novo proxecto Cabalga de coidado dos nosos mares, da nosa ría e de seguir nutrindo de especies mariñas”.

A maiores, resaltou o traballo de todo o equipo de Amicos e“a ilusión que lle poñen os usuarios de Amicos en protexer os mares e limpando os residuos que aínda hai nas nosas costas”.
Xoán España, director xeral de Amicos, reiterou “o agradecemento á Consellería de Política Social todo o apoio que demostran día a día, e do que somos especialmente conscientes no caso do colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Sen o seu apoio sería imposíbel asegurar o benestar e uns apoios de calidade e adaptados ás persoas que máis necesitan de nós”.
Asemade, destacou que “hoxe quixemos agradecer o seu traballo e saber facer, tanto a Fabiola como a Begoña, mostrándolles como os nosos activistas, cos azos necesarios, poden facer cousas tan grandiosas como todo o que Amicos está realizando no ámbito da sensibilización e a restauración dos nosos mares”.
Tamén se embarcou o director de proxectos da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Fabian Ben quen explicou a importancia de Cabalga:“Estamos moi contentos porque móstranos ante a sociedade como entidades de economía social onde a colaboración con Amicos é o máis natural do Mundo. Tamén mostra como os traballadores do mar estamos moi preocupados polo mantemento da biodiversidade e dun mar limpo que nos permita traballar con normalidade”.



