O pleno ordinario do mes de xullo de Ribeira aprobou este luns, co apoio dos grupos de Goberno e o voto en contra do PP, a modificación da ordenanza fiscal sobre a retirada, inmobilización e depósito de vehículos, debido ao déficit que este servizo xera para as arcas municipais.
As novas tarifas son:
- Vehículos lixeiros (turismos): de 100 € a 129 €
- Motocicletas: de 75 € a 104 €
- Inmobilización de vehículos: de 50 € a 79 €
Desde o Goberno local explicaron que a actualización busca equilibrar o custo real do servizo, que está externalizado, e evitar que sexa sufragado por toda a veciñanza a través dos impostos xerais. A edil de Promoción Económica, Genoveva Betanzos, destacou o efecto disuasorio da medida, mentres que o tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, afirmou que “quen incumpre, debe asumir as consecuencias”.
Subvencións nominativas: rexeitadas polo pleno por falta de consenso
Non obtivo luz verde, con 15 votos en contra do PP e do PBBI fronte aos 6 a favor do BNG e PSdeG, a proposta de ratificación das subvencións nominativas incluídas nos orzamentos prorrogados de 2024, por un importe total de 353.000 euros. A súa aprobación era necesaria debido á prórroga do orzamento, que non estende automaticamente as partidas nominativas.
As axudas estaban destinadas a entidades sociais, culturais, deportivas e económicas, entre elas Cáritas, Cruz Vermella, Asociación Española contra o Cancro, Confrarías, festivais culturais e asociacións empresariais.
A edil de Facenda manifestou reservas sobre o incremento global das subvencións e sinalou especialmente o seu desacordo co financiamento ao festival Mares do Fin do Mundo ou ao aumento da achega á Mancomunidade Arousa Norte.
Pérez Barral argumentou que a subida dun 16% nas subvencións nominativas, xa que dos 50.000 euros de incremento con respecto ao ano anterior, 40.000€ correspóndense cunha obriga aprobada por unanimidade en Pleno para o Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado por Culturmar –de carácter puntual neste exercicio–, e os 10.000€ restantes proceden dun acordo adoptado pola Mancomunidade de Concellos da Arousa Norte. Polo tanto, non existe tal incremento estrutural no gasto senón o cumprimento de compromisos institucionais xa asumidos. Barral defendeu que a subvención nominativa do festival Mares do Fin do Mundo que ascende a 18.000 euros e que a maiores está subvencionada pola Deputación da Coruña e pola Xunta de Galicia, “é unha subvención asumible para cinco xornadas onde hai actividades de mañá, tarde e noite”. A maiores informou que outros concellos menores que aloxaron o festival deron contías maiores para a súa organización e recordou do compromiso adquirido para “reforzar e desestacionalizar as ofertas culturais e deportivas durante o ano”. Ao respecto do aumento da partida da Mancomunidade argumentou que a subida ven marcada por dous factores; polo mantemento dos sendeiros e o Camiño de Santiago en tódolos concellos da Mancomunidade e polo
drástico recorte da Axencia de Turismo de Galicia no convenio coa Mancomunidade que ascende 60.000 euros.
As subvencións correspondían ás seguintes actividades e contías: Ambar (3.400€), Amicos (3.400€), A Creba (3.400€), Faiben (3.400€), Asociación Antidroga Renacer (3.400€), Cáritas (3.400€), Asociación Española contra o Cancro (3.400€), Cruz Vermella (3.400€), ICE Renovación (3.400€), Asociación para o Acompañamento Persoal e Educativo (3.400€).
Confraría da Dorna (40.000€), Confraría de Carreira e Aguiño pola Festa da Navalla(15.000€), Asociación Cultural O Serriño pola festa da Navalla
(4.000€), Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo por 5 días de Mostra Internacional de Cine (18.000€), Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza (40.000€), Museo do Gravado de Artes (15.500€), Museo Etnográfico de Artes (15.000€), Liceo Marítimo (2.500€), Museo do Pobo Galego (150€).
Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira (45.000€), Asociación Reventapistóns (5.500€). Universidade de Santiago de Compostela polo programa de maiores (18.000€). Club Náutico de Ribeira pola escola de vela (3.500€), Lajareu por Barlovento promoción da vela tradicional (2.000€). Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (2.100€), FEGAMP (2.000€), FEMP (2.000€), Fundación Galega contra o Narcotráfico (2.500€), Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla (601€), Mancomunidade Arousa Norte (65.000€), Cidades pola Bicileta (600€), Red Innpulso (1.500€), Grupo de Acción Costeira (1.000€), Eixo Atlántico (12.600€), Agrupación Desenvolvemento Local (5.050€).
Finalmente a proposta da prorroga decaeu coa suma dos 15 votos en contra do PP e do PBBI por 6 a favor da suma do BNG e o PSdeG.




