
Os antisistema eran ata o de agora, mozos con causa, unha variante dos que no meu tempo corrían diante dunha policía que vestía uniforme de cor gris. Mozos con causa que aínda tiñan por cumprir o Servizo Militar, obriga esta que se tiña moito en conta polas consecuencias que podía deparar o feito para quen esa condición de antisistema figurara ou puidera figurar no seu historial persoal.
En boa medida foron as liortas rexistradas nas rúas catalás durante o “procés” independentista as que deron forma a unha protesta na rúa que estes días ten tintes descoñecidos alí onde se produciron, no medio dunha tensión que só se explica polo balbordo patrocinado por organizacións políticas que, en mala hora, botaron man dun recurso que semellaba ter pasado á arca das lembranzas e que, a día de hoxe, ben se ve continúa vixente aínda non habendo causa que a xustifique. Andalucía e Madrid son escenarios nos que se evidencia a resistencia a abandonar os vellos métodos, con feridos e detidos xustificados por unha migración que algunha organización política deste tempo non admite e que a España deste século precisa, sen dúbida.
O franquismo foi a mecha que prendeu nunha xuventude que tiña diante súa motivos dabondo para se botar á rúa en protesta pública. Esa xuventude tiña exemplo duns pais que fjxeron a guerra, estiveron presos, carecían dos máis esenciais dereitos cidadáns, tiñan moi baixos salarios e, por milleiros, migraban a países dunha CEE que non abriu as súas portas a España ata o ano 1986. Eran estes, cidadáns españois que maioritariamente non falaban os idiomas dos países de acollida, e non todos chegaban a estes cun contrato de traballo.
Malia todo, os promotores destas protestas silencian eses feitos e esixen que os migrados a España falen a lingua española ou calquera cooficial: catalán, éuscaro ou galego. Aínda así, proclaman a súa intención de expulsar de España a entre 7 e 8 millóns de migrados, sen dar ningunha outra explicación sobre quen ocuparía os postos de traballo que esa masiva expulsión de traballadores deixaría vacantes.


