A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, entidade inclusiva do Barbanza, celebrou unha importante xornada dedicada á orientación e o acceso ó emprego para persoas con diversidade funcional. O evento tivo como obxectivo principal fortalecer as habilidades das participantes, derrubar barreiras e abrir novas oportunidades no mercado laboral.

Durante o encontro, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de participar nunha xornada deseñada especificamente para elas, abordando estratexias clave para a busca activa de emprego, o desenvolvemento de habilidades profesionais esenciais e a conexión directa con empresas e recursos comprometidos ca inclusión.

“Estamos firmemente convencidos do enorme potencial e talento que cada persoa con diversidade funcional posúe”, afirma Daniel Tojo, orientador de emprego da Asociación Ambar. “Xornadas como esta son esenciais para facilitarlles as ferramentas necesarias, visibilizar as súas habilidades e asegurar que teñan acceso ás mesmas oportunidades que o resto da cidadanía no mercado de traballo”.

A Asociación Ambar continúa así co seu labor de máis de 40 anos, promovendo a autonomía e o benestar das persoas con diversidade funcional e as súas familias, e traballando activamente na construción dunha sociedade máis xusta e equitativa. Esta actividade, que reforza o compromiso de Ambar coa autonomía e o apoderamento das persoas con diversidade, foi posíbel grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade e aos fondos da Unión Europea.



