
En política, como na vida mesma, hai persoas comprometidas, solidarias ou empáticas e outras que unicamente se moven e relacionan cos grupos máis próximos ás súas ideoloxías, status ou situación profesional. Así xurdiron os lugares de lecer e alterne frecuentados, segundo a catadura moral das persoas; os barrios, rúas ou urbanizacións nos que habitan as persoas con similares emolumentos económicos; as festas privadas e as do pobo; os hipermercados ou grandes superficies, con produtos de marca, e os mercadiños do barrio.
As sociedades modernas xa están divididas entre pobres traballadores e ricos privilexiados. A clase media desapareceu ou móvese entre ambas as marxes da sociedade. Os primeiros non teñen máis remedio que adaptarse ás realidades cotiás compaxinando o traballo, sen descanso e sen apenas vacacións, con pequenos praceres, mentres que os outros descobren novas actividades ou oportunidades para que a súa existencia non sexa tan monótona. Buscan mesmo o prohibido ou cruzan os límites da realidade.
A falta de empatía, en moitas persoas, converten o presente nunha loita constante polo poder e os privilexios. Sociedades conservadoras que non queren oír falar de cambios ou de novos Dereitos, eles teñen todo o que necesitan e o resto de mortais son a escoria necesaria para cumprir os seus desexos e engrandecer os seus egos.
A loita de clases non está vixente nas sociedades adormentadas. Sálvese quen poida, e o que morra de fame, viva na rúa ou sufra todo tipo de violencia que se amole sen máis. Non é problema noso, eles buscárono. Así estamos, na humanidade.



