
Rianxo vai dar acollida este verán a un obradoiro intensivo de creación de curtametraxes e pezas audiovisuais, dirixido a todas aquelas persoas, maiores de 16 anos, interesadas en iniciarse ou afondar na linguaxe cinematográfica.
A actividade desenvolverase en modalidade presencial, do 14 ao 29 de xullo, de luns a xoves en horario de 16:30 a 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo.
O taller intensivo Creación de Curtametraxes e Pezas Audiovisuais vén da man da FF ESCAC, (Escola Superior de Audiovisuals de Catalunya).
Concretamente, o obradoiro realizase conxuntamente entre Merenda Creativa e a ESCAC, dentro do proxecto OFF ESCAC en Galiza, e conta coa colaboración do Concello de Rianxo.
Será impartido en galego a longo de 2 semanas e media de sesións e contidos.
Trátase dun curso de verán centrado na difusión artística, principalmente audiovisual e escénica. En palabras das entidades organizadoras, “é unha ferramenta coa que pretendemos achegar a calquera persoa interesada á creación artística e audiovisual e á súa libre manifestación, mediante fórmulas que non adoitan estar ao seu alcance habitualmente, como a expresión corporal, visual ou sonora. A través da realización dunha peza conxunta, as persoas participantes coñecerán todos os procesos da creación audiovisual, contando ademais con clases maxistrais impartidas por profesionais do sector”.
Máis información na web da ESCAC.