O Museo do Pobo Galego (Santiago) acolleu este 20 de xuño a presentación dos detalles do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará do 17 ao 20 de xullo no porto de Ribeira, organizado de forma conxunta por Culturmar, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira: un evento que volve ás súas orixes 32 anos despois, xa que foi en Santa Uxía onde se celebrou a primeira edición en 1993.

A cita cos medios informativos deste venres 20 de xuño contou coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde, da deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, e o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, entre outros.
O presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, sinalou que “o encontro volve, nesta nova singradura, como procurando un descanso, un acougo materno, o retorno ao porto de partida”. “Acougo por reunírmonos na serenidade e amplitude do gran mar interior de Galicia, como é a ría da Arousa, e materno por ser Ribeira o lugar onde todo comezou: a frota tradicional galega, na súa XVII edición, pon rumbo ás orixes”, engadiu.
Por parte da Cofradía da Dorna falou o coordinador da súa Escola de Vela Tradicional: Xosé Anxo García García, quen afirmou que Ribeira estará durante catro días no centro do “mapa mundial da cultura marítima”. García aproveitou a ocasión para lembrar a quen “de verdade debemos agradecer estar hoxe aquí: “Aos nosos vellos. Aos nosos pais e avós. Homes e mulleres de mar que navegaron, sufriron, viviron e morreron nestes barcos que nós intentamos conservar”.
O alcalde ribeirán considera que o Encontro “é o espazo idóneo para que as novas xeracións se sumen ao carro de protexer o patrimonio marítimo galego e tamén que se coñeza cales son as artes e as embarcacións que usaban os nosos avós no día a día”. Luís Pérez Barral explicou que ao longo de catro días “volverán esas embarcacións tradicionais aos nosos portos e ás nosas praias”.“Verémolas cruzar as ondas da ría e tamén veremos como todo un concello se implica por potenciar, axudar e conseguir, remando, que estes barcos teñan moita vida por diante”, engadiu.
Pola súa parte, Cristina Capelán salientou que o Encontro representa “moito máis ca unha concentración de embarcacións tradicionais, é unha festa do coñecemento, da tradición, da memoria viva dunha Galicia estreitamente vinculada ao mar”, afirmou.

A deputada referiuse tamén á importancia do evento como espazo de divulgación e coñecemento arredor do mar: “Entendemos que apoiar o patrimonio non é só restaurar pezas ou preservar técnicas, senón tamén darlles vida, compartilas, transmitilas e facelas parte do presente e do futuro”.
A edición deste ano celebrarase en Ribeira, “un lugar profundamente vencellado ao mar, cun tecido social e cultural activo, comprometido e orgulloso das súas raíces”, como destacou Capelán. O evento reunirá máis dun cento de embarcacións tradicionais galegas e doutras zonas da Península Ibérica e de Europa. Dende dornas ata gamelas ou traiñeiras, cada embarcación será testemuña viva da diversidade e riqueza do patrimonio marítimo que Galicia conseguiu preservar.
A deputada provincial agradeceu o traballo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), entidade organizadora do Encontro, así como da Asociación Cultural Real e Ilustre Confraría da Dorna, anfitrioa local, e do Concello de Ribeira, que acolle esta nova edición “coa enerxía, o compromiso e a alegría que este evento merece”.
Cristina Capelán destacou tamén o compromiso económico da Deputación coa cita: “No ano 2023, a nosa institución foi o principal apoio institucional do Encontro celebrado en Sada, e volverá selo este ano en Ribeira”. Un apoio económico que roldará os 90.000 euros e que, segundo subliñou, “vai moito máis alá do financiamento: é unha aposta política e institucional por un modelo de desenvolvemento sostíbel baseado no coñecemento, na cultura e na participación social”.
Capelán engadiu que “a Deputación da Coruña volverá ser un dos principais apoios institucionais desta cita que, desde 1993, converteuse nun referente na defensa e divulgación do patrimonio marítimo e fluvial galego”.

Marta Villaverde destacou o apoio do Goberno galego
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o apoio do Goberno galego para por en valor a carpintería de ribeira, “entendéndoa como un recurso clave no patrimonio cultural e marítimo de Galicia”.
Villaverde trasladou a colaboración que o seu departamento vén mantendo coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), e “que permite, entre outras actuacións, a celebración deste encontro que congregará no porto desta vila do Barbanza a preto de 150 embarcacións”, sinalou, engadindo que “Galicia conta cunha importante presenza de elementos patrimoniais e etnográficos ligados ao ámbito marítimo-pesqueiro”. Co fin de potencialos, lembrou que a Consellería desenvolve o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, “un traballo que é froito do esforzo colectivo para coordinar 100 accións que abranguen desde o marisqueo e a pesca, ata a tradición oral e os oficios vinculados ao mar”.
O Encontro
A décimo sétima edición deste Encontro consolídase como a gran celebración da cultura marítima fluvial de Galicia, a actividade máis senlleira de Cultumar, pois vense realizando dende 1993 de forma itinerante, congregando nas vilas mariñeiras a destacadas embarcacións tradicionais galegas e doutras partes da península e de Europa. Trátase, por tanto, dunha das citas deste tipo de maior dimensión e variedade tipolóxica da Península.
Esta grande exhibición de embarcacións representativas do patrimonio marítimo e fluvial acompáñase durante as catro xornadas dun amplo programa de actos culturais e de lecer dirixidos a todo tipo de público asistente.
A iniciativa cumpre outros obxectivos de destacada importancia, como é achegar este patrimonio á poboación, promover o asociacionismo cultural ou fomentar actividades de integración social, convivencia, divulgación, ademais do turismo sostíbel.
150 embarcacións
Os organizadores prevén unha gran asistencia de barcos. Estiman poder alcanzar as 150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da Península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.
Na páxina web do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia poderemos atopar xa un adianto da programación cultural para todos os
públicos prevista para eses días, que inclúe concertos, teatro, monicreques, coloquios, artesanía, exposicións, obradoiros e monólogos. Tamén poderemos ver o vídeo promocional e toda a información relativa ás embarcacións inscritas e un formulario e información sobre o voluntariado.