Desde esta semana as empresas navieiras autorizadas a operar este tipo de viaxes a Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada terán unha hora para completar e pechar a reserva

A Xunta de Galicia vén de introducir melloras na central de reservas para o transporte de grupos ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. A xestión das autorizacións realízana directamente as empresas navieiras que prestan o servizo nos catro arquipélagos.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), modificou a aplicación web que utilizan as navieiras co obxectivo de optimizar o funcionamento do sistema e adaptalo ás súas necesidades.
A partir desta semana, as empresas disporán dun prazo máximo dunha hora para completar e pechar a súa reserva de grupo. Se non o fixen, a praza quedará automaticamente liberada para outros grupos, evitando así que se bloqueen prazas innecesariamente.
Este cambio permitirá dar un mellor servizo, aumentando a dispoñibilidade para todos os grupos que queiran acceder ao parque nas mesmas datas.
Carga de visitantes
Segundo o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Illas Atlánticas, o número máximo de grupos varía en función do arquipélago e da tempada. Cíes e Ons admiten, en tempada baixa, de 100 a 200 persoas ao día, aumentando de 250 a 450 en tempada alta (de Semana Santa ao 15 de setembro). Cortegada e Sálvora, que non contan con transporte regular, reciben un máximo de 150 a 250 grupos ao día, tanto en tempada baixa como en tempada alta.
Transparencia
Para dar maior claridade, a aplicación permitirá ás navieiras consultar en tempo real o número de prazas dispoñibles, o cupo que xa reservou cada empresa, así como o prazo restante para completar cada nova reserva.
Con esta actualización, a Xunta busca agilizar a xestión, aumentando a transparencia e facilitándolles o acceso a grupos que queiran gozar das Illas Atlánticas de Galicia.



