
A Marea de Noia presentou na mañá de hoxe, 2 de xuño, un escrito dirixido ao alcalde, Santiago Freire, no que reclama “que se manteña aberta a Piscina Municipal no horario de mediodía, en consonancia coa ordenanza vixente e co dereito das persoas usuarias”. Segundo destacou o portavoz da formación, Manolo Seijas, “a ordenanza municipal non contempla o peche da piscina durante o mediodía, e mesmo existe un bono de mañá que garante o acceso ás instalacións até as 15:00 horas”. Por este motivo, A Marea solicita que se recapacite sobre unha decisión que, ao seu xuízo, carece de xustificación normativa e prexudica á veciñanza usuaria do servizo.
Seijas tamén sinalou que esta medida supón “un paso máis no desmantelamento progresivo da piscina municipal en termos de xestión”, a pesar de que nos últimos tempos aumentaron as horas de traballo de boa parte do persoal. “O servizo, lonxe de mellorar, está a sufrir unha merma considerábel”, apuntou, engadindo que “a Piscina Municipal chegou a xerar beneficios anuais próximos aos 90.000 euros, mentres que na actualidade arrastra un déficit superior aos 100.000 euros anuais, unha situación que evidencia a necesidade dunha revisión en profundidade da súa xestión, cun modelo que aposte por servizos públicos de calidade e sustentábeis no tempo”. A Marea de Noia insta ao Goberno local a reconsiderar a medida e a garantir un servizo axeitado e continuo á cidadanía, evitando recortes que prexudiquen o benestar da veciñanza.




