A Ría de Arousa foi o escenario esta fin de semana da Copa de España de Techno 293 e iQFOiL, unha das citas máis relevantes do calendario nacional de vela xuvenil, organizada polas Reais Federacións Española e Galega de Vela. O evento contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilagarcía de Arousa.
Durante varias xornadas, máis dun cento de regatistas das diferentes comunidades autónomas competiron nas augas arousás, nun evento marcado por unhas condicións de vento variables pero que permitiron completar un bo número de probas en todas as categorías.

Lindia Pousa, ouro para Galicia
Entre os resultados máis salientables destacou o triunfo da canguesa Lindia Pousa, do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que se proclamou campioa de España en Techno Sub17 Feminino, tras unha brillante actuación na xornada decisiva. Tamén acadou podio o seu compañeiro de club Ero Massó, que logrou a medalla de bronce na categoría Techno Plus.

Campións por categorías
Na clase Techno 293 os vencedores foron:
- Pablo Quintero (CN Puerto Sherry), en Sub13 Masculino
- María Martorell (CMSAP C’an Pastilla), en Sub13 Feminino
- Juan Bartolomé (CN S’Arenal), en Sub15 Masculino
- Olivia Sánchez (CN Sevilla), en Sub15 Feminino
- Curro Simbad (CN Sevilla), en Sub17 Masculino
- Alejandra Massó (RCN Gran Canaria), en Techno Plus
Na modalidade iQFOiL, ou “táboas voadoras”, os títulos foron para:
- Francisco Bleda (CNS’Arenal), en Sub15
- Mia Berazategui (Club Social Formentera), en Sub17 Feminino
- Enrique Parres (CN Santa Pola), en Sub17 Masculino
- Martina Mantovani (RCN Valencia), en Sub19 Feminino
- Antonio Medina (RC El Candado), en Sub19 Masculino
Premios e autoridades
A entrega de premios celebrouse nas instalacións do Centro Galego de Vela, e contou coa presenza de numerosas autoridades, como Pedro Piñeiro (vicepresidente da Real Federación Española de Vela), Blanca García-Señoráns (Xunta de Galicia), Elena Suárez Sarmiento (Consellería do Mar), Marcos Guisasola (Deputación de Pontevedra), Carlos Coira e José María González (Concello de Vilagarcía), e Juan Andrés Pérez (Capitanía Marítima).
A organización puxo en valor a excelente acollida da cidade de Vilagarcía e o compromiso institucional co deporte náutico, consolidando así o papel da Ría de Arousa como un dos escenarios privilexiados para a práctica da vela en Galicia.
