
Padrón converteuse esta mañá no escenario dunha auténtica festa da bicicleta e da mobilidade sostible coa celebración dunha nova edición do Día da Bicicleta, que reuniu a 181 persoas de todas as idades nun ambiente marcado polo bo tempo, o espírito deportivo e a convivencia familiar.
O paseo do Espolón acolleu desde primeira hora as actividades previstas, que comezaron cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo, seguido dunha divertida xincana infantil para que os máis pequenos se iniciasen no uso seguro da bicicleta.
Ás 11:30 h arrancou a marcha ciclista non competitiva de 15 quilómetros, pensada para maiores de 6 anos e con paso por puntos emblemáticos como Estramundi, Iria, o Paseo da Constitución —onde se situou o avituallamento— e as brañas de Lestrove. A cita estivo marcada pola camaradería e a participación de representantes municipais como o alcalde Anxo Arca, os concelleiros Luis Mariño, Chus Campos e Laura Horta.
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a homenaxe a José Ramón Vigo Ferradás, de 83 anos, como participante máis veterano. Tamén destacou a presenza de Mario Alfonsín, de 82, quen percorreu o traxecto acompañado polo seu fillo e netos.
A mañá rematou cun sorteo de agasallos grazas ao apoio de entidades como Oliveira Bike, Casa Grobas, Deportes Estornela, CC Padronés Cortizo, A de Mario, Apiario Mazara-Rial, Onnyx Eyewear e a Deputación da Coruña.
O Concello de Padrón expresou o seu agradecemento á agrupación de Protección Civil, persoal voluntario, colaboradores e patrocinadores, e reafirmou o seu compromiso cunha mobilidade máis sostible e unha vida activa para todos os veciños.





